Maside proxecta un roteiro cultural ao redor do castro
Turismo
O Concello tamén está pendente dun convenio coa Xunta para as escavacións do xacemento
O Concello de Maside presentou un proxecto ao GDR Asociación Carballiño-O Ribeiro para financiar a sinalización de recursos turísticos e culturais. Preténdese a posta en valor e conexión dos puntos de maior relevancia dentro do municipio, tanto dende un punto de vista natural como cultural.
Trátase dunha ruta de 10 kilómetros que ten como eixos principais a ponte medieval San Fiz, que salva o curso do río Barbantiño, e o xacemento arqueolóxico de Santa Mariña. "Conformarase así un roteiro de incalculable valor patrimonial-natural con todos estos recursos que se atopan recollidos no catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia", segundo recolle o proxecto.
O desenvolvemento turístico é un dos obxectivos prioritarios do actual equipo de goberno. Despois da creación e posta en valor da ruta do románico coa colocación de paneis interpretativos nas igrexas de Santo Tomé; Santa Comba; San
Pedro; Santa María e San Mamede máis as torres do Pazo e Mundín, tamén se levou a cabo a limpeza do castro de Santa Mariña no 2020, a raíz dunha prospección levada a cabo no 2010 que deixara ao descuberto unha trintena de rochas con gravados e rebaixes: pías, canles, cazoletas, ademáis dunha tumba e un sarcófago antropomorfos.
O Concello está agora pendente da firma dun convenio coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para executar escavacións neste xacemento.
En relación ao roteiro, recolle o proxecto que "preténdese por tanto a posta en marcha dunha infraestrutura turística que permita combinar o turismo cultural e de natureza, co recoñecemento e interpretación do importante patrimonio relixioso e arqueolóxico, con especial énfase no xacemento do Castro de Santa Mariña no que xa se veñen realizando tarefas de revitalización, así como o diferente sendeiro natural cara a magnífica".
Ponte Medieval de San Fiz
Deste xeito, preténdese instalar unha sinal direccional de intersección segundo o manual turístico da Xunta para guiar aos visitantes ata o castro; seis sinais indicativas que guíen ao camiñante polo percorrido; seis frechas de sinalización de recursos turísticos; 15 estacas pintadas coas marcas correspondentes de dirección boa, errónea, xiro a esquerda ou dereita; un panel explicativo a situar na parte baixa do acceso ó xacemento; un panel directorio cultural no centro de Maside e outro panel na área recreativa. O Concello tamén prevé organizar visitas dos centros educativos e elaborar unha unidade didáctica.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FESTA DO PULPO
Carballiño preparará unha tapa de pulpo de 610 quilos
OCIO EN FAMILIA
Los niños carballiñeses vencen el calor en la Festa da auga