A balsa do augamar

Publicado: 07 dic 2025 - 02:40

Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

No século XIX, un pintor do Romanticismo francés, Théodore Géricault, fíxose famoso grazas á elaboración dunha pintura titulada “A balsa do augamar”. Nese cadro, aparecían uns náufragos desesperados sobre os restos dun pecio, tras o afundimento dunha goleta chamada “Augamar”, diante das costas de Senegal.

Hai moitos colectivos de traballadores que sofren nas súas carnes cada día un desacougo similar ao dos náufragos do “Augamar”. Un bo baremo para avaliar a precariedade laboral e a miseria do noso país, atópase, paradoxalmente, nas bibliotecas.

Obviando a caída alarmante dos índices de lectura, hai outra realidade aínda máis obvia: a da gran cantidade de mozos, persoas de entre vinte e poucos e trinta e poucos anos que pasan horas e horas cada día estudando nelas, preparando afanosamente diversas oposicións, anls despois de teren rematado os seus estudos superiores.

Esta realidads esmagante enmascara cuestións como o paro estrutural que segue cebándose cos máis xóvenes (pese aos discursos triunfalistas de gobernos que se din progresistas), acompañado dunha frecuente temporalidade e precariedade.

As malas condicións laborais (a nivel de soldos, horarios e esixencias) retroalimentan unha espiral negativa que impide a moitos emanciparse cando xa lles correspondería facelo hai tempo. Tamén provocan, por outra parte, uns efectos devastadores e nada desprezables na saúde mental da mocidade.

Non resulta tranquilizador ver a tantos centenares ou mesmo miles de persoas con talento e cualificación ter que prolongar forzosamente os seus períodos de formación e estudos cando deberían contar xa cuns empregos estables que lles permitisen acadar unha vida digna.

Nin a dereita nin a esquerda (e moito menos a extrema dereita demagóxica e populista) parecen ter un remedio eficaz para rematar con este tipo de situacións, mentres que a maior parte da patronal tampouco actúa con sensatez nin ofrece as boas condicións que debería.

Nas nosas mans está evitar que vaia a pique o que algúns chamaron “navío do Estado” e non debemos esquecer que cando as crises golpean, os primeiros en afundirse son os máis faltos de recursos.

André Piñeiro González

(Ourense)

Contenido patrocinado

stats