Pinturas murais de Vicente Risco de Castro Caldelas, no foco de Patrimonio

DECLARACIÓN COMO BIC

A entidade Apatrigal solicita a declaración como BIC das pinturas de Vicente Risco e unha inspección técnica da vivenda para comprobar o seu estado de conservación.

Unha parte das pinturas murais de Vicente Risco.
Unha parte das pinturas murais de Vicente Risco.

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) presentou ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha solicitude para iniciar o procedemento de declaración como ben de interese cultural (BIC) das pinturas murais realizadas por Vicente Risco que se conservan no interior dunha vivenda de Castro Caldelas. A entidade solicita tamén que se leve a cabo unha inspección técnica do inmoble para comprobar o estado de conservación das obras.

Segundo recolle a petición, as pinturas foron realizadas por Vicente Risco a mediados da década de 1950 e ocupan tres paredes dun cuarto da coñecida como Casa do Nieto, onde residía Manuel Casado Nieto, amigo persoal do escritor. Apatrigal considera que se trata dun conxunto artístico pouco coñecido e destaca o seu interese histórico, artístico e documental, ao representar unha das facetas menos divulgadas do intelectual galego.

A vivenda é de titularidade privada, permanece pechada desde hai anos e leva máis dunha década anunciada para a súa venda. A asociación sinala que o estado exterior do inmoble, especialmente da cuberta, fai recomendable unha inspección para comprobar se existen filtracións, humidades ou outros problemas que poidan afectar ás pinturas, xa que na actualidade non se coñece o seu estado de conservación.

Na súa solicitude, Apatrigal pide que, no caso de apreciarse algún risco para o mural, se adopten as medidas de conservación previstas na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Ademais, solicita que, se prospera a declaración como BIC, se estableza un réxime de acceso público compatible coa conservación das pinturas e cos dereitos da propiedade. Como alternativa, propón que as obras sexan incluídas noutra figura de protección patrimonial que garanta a súa conservación.

Contenido patrocinado

stats