"Á CAZA DO LIXO"
Galería | Os cazadores de Caldelas dispararon contra o lixo
OTERO PEDRAYO
A parroquia do Burgo, no concello de Castro de Caldelas, acolleu este xoves 14 de maio, ás 19,00 horas, o acto conmemorativo do Foro do Bo Burgo, nunha xornada que volveu situar esta vila ourensá como referente da memoria histórica e cultural de Galicia.
A celebración enmárcase na conmemoración dos 798 anos do Foro do Bo Burgo de Caldelas (1228), considerado o documento máis antigo escrito en lingua galega conservado. O documento, dirixido aos cidadáns do “Bo Burgo” de Castro Caldelas, supón un fito na entrada do galego na escritura administrativa do poder real.
Durante o acto, que contou cunha pequena exposición titulada “Os Mundos Oterianos dende Caldelas”, en referencia a Ramón Otero Pedrayo, procedeuse á lectura da acta por parte de José Manuel Armesto, párroco e secretario, así como a achegamentos históricos realizados por Manoel Carrete como membro do xurado.
Tamén se puxo en valor o contexto histórico do documento a través das figuras de referencia do medievo galego vinculados ao esplendor xurídico e relixioso da época. Sara Inés Vega destacou a importancia do documento: “Para nós falar das Letras Galegas é dicir a palabra Foro do Burgo, o primeiro documento en galego, que en dous anos cumprirá 800 anos de antigüidade”.
Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega dos galardóns do Foro do Bo Burgo, elaborados polo escultor Acisclo Manzano, que recoñeceron traxectorias relevantes en distintos ámbitos culturais, sociais e profesionais.
No eido do xornalismo, a premiada foi Maribel Outeiriño, referente en La Región e Premio Trasalba 2024. Cunha sólida traxectoria entre a información e a investigación histórica, destacou pola súa contribución á divulgación da revista Nós e da figura de Otero Pedrayo, consolidándose como unha voz esencial na preservación e transmisión da memoria cultural de Ourense. A premiada subliñou que “para min Caldelas sempre será Risco e María Teresa Cortón”.
No resto de categorías foron distinguidos, entre outros, Simon R. Doubleday no eido da Historia; Siro López no eido da Arte; Ignacio Vilar no Cine; a Casa da Cuesta no ámbito da reconstrución histórica; Miro Casabella pola canción “O meu país”; a Fundación Otero Pedrayo no ano oteriano; Apatrigal na defensa da cultura e Valentín García Gómez no eido da lingua.
Tamén foron recoñecidos María do Ceo na música; Rafael Louzán na xestión do deporte; Carmen Eiró Bouza no dereito e Leonardo Lemos Montanet no ámbito da fe.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, destacou que o Foro do Bo Burgo “é moito máis ca un documento histórico, é unha afirmación da personalidade de Galicia ao longo dos séculos”. A xornada contou coa participación de autoridades institucionais e coa actuación musical do grupo de gaitas Os Trabazos. María do Ceo interpretou o tema “Alecrín” e o Himno Galego, poñendo o peche musical ao acto.
Tras a tradicional fotografía de grupo, os asistentes realizaron a sinatura do Libro de Ouro do Concello e compartiron uns petiscos.
Con esta edición, o Foro do Bo Burgo reafirma o seu obxectivo de conmemorar o nacemento do que é considerado o documento fundacional máis antigo da lingua galega escrita.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
"Á CAZA DO LIXO"
Galería | Os cazadores de Caldelas dispararon contra o lixo
ENTRE OS CASARES Y VILAMAIOR
Una colisión entre dos coches deja un herido en Castro Caldelas
Lo último
ACTO DE CELEBRACIÓN
30 años de “impecable” labor del Consello Social de la UVigo
DENOMINACIÓN DE ORIGEN
Los vinos ourensanos siguen sumando medallas