Risco xa é eterno en Castro Caldelas, “de corpo completo”

ESTATUA

A vila acolle a escultura do intelectual galeguista aos pés do castelo, a carón da que foi a casa familiar

A estatua de Risco e o creador, Acisclo Novo, no acto con Valentín García e Sara Inés Vega.
A estatua de Risco e o creador, Acisclo Novo, no acto con Valentín García e Sara Inés Vega. | Iago Cortón

Vicente Risco xa ten unha estatua a tamaño real en Castro Caldelas, vila onde residiu, e que lle rende así unha necesaria homenaxe. Onte celebrouse o acto de inauguración que congregou a preto dun cento de veciños. Asistiron o autor da obra, Acisclo Novo; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o catedrático Alfonso Vázquez Monxardín e a alcaldesa da localidade, Sara Inés Vega.

Vicente Risco, escritor, político e etnógrafo, articulista de La Región, membro da Xeración Nós e un dos principais ideólogos do nacionalismo galego quedou onte inmortalizado aos pés do castelo da vila, ao carón da súa casa, convertida agora en pousada. Esta é unha reivindicación máis da súa figura na vila, porque xa se lle rendía homenaxe cunha rúa, uns premios e máis unha área de descanso. A vinculación do escritor e o lugar é profunda, xa que pasou grandes tempadas alí tras chegar o seu avó para cobrar impostos para a Casa de Alba.

A peza escultórica está feita en bronce e a tamaño natural. O seu autor, Acisclo Novo, é fillo do célebre escultor Acisclo Manzano, un dos “artistiñas” que foi discípulo do propio Vicente Risco”. Novo destacou o papel de Risco como alguén cuxas palabras chegaron a lugares moi fondos de quen as poida ler. “Calquera pode ver en todos os seus escritos, entre eles en La Región, que este home non era deste mundo. Tiña unha conexión espiritual con cada cousa que podía observar a e facía súa absolutamente”.

A estatua, que se presentou tras ser envolta na bandeira galega, representa a Risco nunha postura encorvada “moi típica del, xa que sofría artrite”, indica Novo. O escritor aparece lendo unha carta, referencia ao doutor Alveiros, o gran personaxe da súa literatura. “Quería representar o misticismo e o xogo surrealista que Risco presentaba a todos os seus lectores”, indicou o creador.

A alcaldesa de Castro Caldelas mostrouse moi satisfeita pola incorporación da estatua dun persoeiro que considera “fillo da vila”. Tamén destacou a importancia que ten para ela o feito de que estea representado “de corpo completo no lugar onde debe estar”.

Na mesma liña expresouse o catedrático Alfonso Vázquez Monxardín, destacando notablemente a vinculación de Vicente Risco con Castro Caldelas. “É unha relación que temos que vender o que se poida porque é total. Todo vén do Castro”. Tamén destacou a importancia do escritor como referente intelectual. “A comuñón de Risco coa nosa terra é completa, ademais de ser o mestre de todos os rapaces que integraron o Seminario de Estudos Galegos”.

Este papel tamén foi destacado polo secretario de Lingua, Valentín García: “Non poderiamos entender figuras como a de Castelao ou a de Otero Pedrayo sen a bagaxe intelectual de Risco, que as completa”. Ademais, considera á súa figura como a dun “sabio” cuxa relevancia transcende a cultura local para erixirse como “un referente mundial e da Galicia moderna”.

Contenido patrocinado

stats