Baldomero Moreiras: "A xuventude vén con forza e calidade, rachará con esta decadencia"

Entrevista co artista celanovés Baldomero Moreiras

Entrevista Baldomero Moreiras, pintor de Celanova

A crónica social e festiva da provincia ten, na Casa dos Poetas, unha particular e colorida escolma da man-tesoiras de Baldomero Moreiras. As estampas e carteis feitas polo artista celanovés dende os anos 70 conforman a mostra que se poderá ver ata o 28 de setembro.

Di o refrán que ninguén é profeta na súa terra, quen o diría coa resposta do público na inauguración

Aquel día o primeiro emocionadísimo fun eu. Alí había amor por riba de todo. Unha cousa fantástica. Non sei se iso é ser profeta ou non, pero querido, si. Teño moita obra adicada a Celanova, e seguirei. A última foi un collage sobre a Virxe do Cristal. Celanova para min é todo.

Que lle pareceu que este ano se substituíse o seu deseño, do ano 91, do pano da Ramallosa?

Non sei exactamente como foi, resultou raro. E, de feito, comentouno todo o mundo, non entendían o cambio. Non son o máis indicado para dicir nada, pero unha cousa é cambiar as cores e outra, o logotipo, que estaba consolidado e que ten tres relevancias de Celanova: a espiral dos celtas que se converte no báculo de San Rosendo e os farois. A graza é que foi o único cartel que eu fixen co ordenador… Pero bueno, falei co alcalde e parece que seguirá coa pañoleta tradicional.

Como xurdiu esta mostra?

Revisando os carteis e estampas que fixen ao longo da miña vida, alguén me dixo que era unha exposición estupenda. Ese alguen é Isidora Gil, profesora de arte e responsable da biblioteca do IES de Celanova, onde fixemos un curso. A partir de aí, empezamos a organizala. Non sabía que tiña tantos, dende 1972, e con moito da provincia representado: festas, estampas e tamén eventos políticos, sociais e solidarios. Tivemos a sorte de contar con Olga Pastor, que se involucrou neste proceso e, ademais de comisaria da mostra, editou un libro no que tamén participaron Alba Fernández e Xosé Poldras. Un equipo fabuloso.

Os carteis permiten chegar a un público máis amplo?

Pode ser, o cartel leva esa condición. Que sexa unha comunicación máis directa, tense que entender nun “flash”. Cousa que, na arte, penso que non debe ser así. Un cadro ten que ter unha provocación moito máis longa na mente do espectador e na mente do propio artista… E o uso das tesoiras déronme un pouco ese corte radical, un corte simplifica moito o meu debuxo e lévao a un extremo que o favorece.

Cal foi o seu primeiro cartel?

Eu penso que os carteis que fixen das miñas exposicións. Houbo unha época que as imprentas resultaban moi caras e eu facía os carteis en cartulina, pintados a man un por un. Resultaba máis dificultoso, pero era barato. Hai un, moi simpático, que estaba exposto no Ateneo antigo, e houbo algunha persoa que me escribiu unhas criticas, non lle gustou. Foi curioso.

Leva a conta da súa obra?

Non, nin idea. E carteis, tampouco. Aínda que os carteis están aquí, case todos. Pero os cadros non. Ademais, rompín moita obra. Sempre fun moi crítico e a aquel que lle vía un erro, sempre o rompía. Se non me convencía a min, tampouco o utilizaba para regalar aos amigos.

Dende a súa perspectiva, como ve o panorama actual?

Mirando dende a miña perspectiva, penso que vai a peor. Estamos entrando nunha certa decadencia. Herdeiros de grandes coleccións que se están desfacendo das obras, o museo municipal pechado, o Arqueolóxico leva xa 25 anos e non ten pinta de abrir… Isto non pode estar sucedendo no meu Ourense. Pero iso queda totalmente roto vendo a xuventude que vén, cunha forza, unha calidade extraordinaria. Estou convencido que van rachar o meu pensamento, van cambiar o panorama.

Que plans ten para o futuro?

Ando cunhas cousas que, precisamente, fan referencia ao que estamos falando. Podería titularse: O bucólico ante a circunstancia actual, como mecanismo de defensa.

Contenido patrocinado

stats