Castrelos de Cima conxurou de madrugada a súa queimada
Castrelos de Cima volveu converterse na madrugada do mércores ao xoves nun escenario de meigas, feiticeiras, tradición e, este ano, tamén de castañas. A pequena aldea do Riós reuniu 80 persoas na posta en escena da súa 53ª Gran Queimada, unha celebración que consegue cada ano mobilizar a veciñanza e, especialmente, os fillos e netos de emigrantes que regresan nestas datas a un núcleo no que apenas unha ducia de persoas reside durante o ano.
A festa, organizada pola asociación cultural Os Queimas, mantén vivo o espírito da peña Os Queimas que nos anos 70 puxo en marcha a queimada. Máis de medio século despois, a fórmula segue a combinar a participación veciñal coa tradición e unha boa dose de improvisación. A escenificación comezou coa entrada das personaxes vinculadas á mitoloxía galega e continuou cunha representación dedicada cada ano a algún aspecto do mundo rural. Desta vez, sobre a recollida da castaña.
Entre bromas e situacións improvisadas, a escena centrouse nunha disputa entre un comprador portugués de castañas e os propios recolectores, que trataban de enganalo ofrecéndolle pedras e castañas pequenas como se fosen produto de primeira. O enredo serviu para recuperar, en clave de humor, unha actividade estreitamente ligada á vida tradicional da vila orriolense e da comarca.
No medio da representación chegou o momento da queimada. Foron 70 litros de augardente preparados coa receita habitual, con peladuras de limón e laranxa, café e azucre, antes de dar paso á lectura das “Obrigacións dos camaradas da Queimada” e do “Credo” desde o palco. A continuación comezou o reparto entre os asistentes, acompañado polas bicas das panaderías da zona e pola música da verbena. Todo se ofreceu, como é tradición, de balde, sufragada pola aldea, que un ano máis mantivo viva a chama da súa tradición.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
SERVICIO MANCOMUNADO
Alianza de tres concellos de Monterrei para gestionar el agua de forma conjunta
OTRO HERIDO EN SAN CIBRAO
Un herido y trasladado en un fuerte choque entre un coche y un camión en Monterrei