A viaxe das palabras e as linguas

A TRIRITA

Publicado: 12 sep 2026 - 03:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

As palabras van e veñen, algunhas quedan, outras retrásanse e non poucas retranquéanse. Vémolas pasar, incorporámolas durante un tempo, logo derivan e pasan a ocupar un campo semántico inesperado. Aí chegadas e xa nese transo, non poucas consúmense. Castelao argumentou que un can bretón ladra igual ca un do país, do noso país, incluídos os palleiros; refírome ós de antes de pasaren a ser de raza, ós de moito antes de que nin sospeitaramos que poderían acadar a tan perseguida condición de aristocracia canina.

Na Pontevedra de hai moitos anos era posible escoitar á banda de música, empoleirada no palco da Alameda, interpretando os seus aires peculiares. Refírome á banda municipal de cando eu era un neno e os cans ouveaban coma lobos, cando as sereas dos barcos bruaban avisando que estaban a arribar ás Corbaceiras. Que tempos! Polos paseos da Alameda paseaba cada quen por onde lle correspondía. A xente do Casino ía por un, a do Mercantil por outro, a doa sociedade cultural deportiva de Salcedo por outro máis... e así.

As palabras tiñan entón un valor que hoxe xa non teñen; non todas, claro, pero si moitas. A diferencia é tanta, tanta, como a que existe entre os textos de Prudencio Landín Tobío en “De mi viejo carnet” e os de Rodrigo Cota na actualidade. Pontevedra era entón moito máis pequena. Había palabras que a engrandecían. Entre Landín e Cota mediaron Cuña Novás, o poeta; Sabino Torres, o de Benito Soto; pero tamén e moi por enriba, Emilio Álvarez Negreira. Todo un río de palabras bifurcadas (déixenme dicilo así) até chegar a hoxe cando non todo significa o que significou antano.

Sucedeulles algo parecido no Ourense de Risco, de Tovar, de Otero Pedrayo ou Blanco Amor; dos dous López Cid, un deles (Julio) gañador do Premio Sésamo, o outro (José Luis) os dous formando parte do grupo chamado “Os silenciosos”, ós que hai que lles arrimar ó hai pouco falecido Chesi. Ouh, as palabras que nos foron deixando, todos eles, mentres en Lugo Anxel Fole, Luis Pimentel, tamén Fernández de la Vega e aínda outros oficiaban no Monterrey, o café da rúa da Raíña.

Hoxe toca falar de “Bandini”, en Bertamiráns, capital que é do val fermoso da Amaía e da librería onde os venres se celebran os fastos das palabras que van e veñen segundo queda, máis ou menos, millor ou peor, explicado.

Outro día falaremos d’A Coruña e das palabras que a ocuparon. Hoxe toca falar de “Bandini”, en Bertamiráns, capital que é do val fermoso da Amaía e da librería onde os venres se celebran os fastos das palabras que van e veñen segundo queda, máis ou menos, millor ou peor, explicado. Hai unha semana chegaron as palabras dun rapaz de Getafe, fillo de pais non galegos, neto de avós que tampouco, un espécime que se pode antollar raro, polo menos raro, hoxe, cando o campo poético está a ser rareado non se sabe se con deleitación ou con malicia.

Mario Obrero é chamado o poeta de versos coma estes que aí lles deixo, ocupados polo novo valor das palabras, sequera sexa por ver de entender por onde van os tempos, hoxe, cando as bandas de música xa non tocan nas alamedas. Os versos sonlles estes: “Toda esa luz el sabor a nueces de los escaparates la/ suciedad dormida bajo la uña de una/ cajera de las cajas/ de fresas mohosas poco tienen que/ ver con la arela/ arela es una palabra gallega que/ significa o desexo moi forte dunha cousa”. Que lles parece, así, a bote pronto?

Acompañouno Marta Sánchez-Nieves que trae as palabras do ruso que ela sabe trasladar ó español; xa saben, ese idioma que fala medio mundo e que, por eiquí, mentres calan as bandas de música e o vento zoa, chamamos castelán pra que se entendan que a nosa fala é unha máis das peninsulares que outros chaman españolas e non a todos satisfai.

Pois xa ven, eiquí pola Maía, neste val sementado de glicinias, receptor de cisnes invernais, de garzas esveltas e xentes ben curiosas que falan en galego, de cans políglotas que evidencian que consideración de Castealo é certa, que si que o é, claro que o é, neste val, os venres de Bandini nos empuxan a considerar o noso dende outras alturas permitíndonos outear paisaxes e celebrar a vida. A Cidade das Rías que soñou Andrés Fdez.-Albalat vaise ampliando de xeito que Bertamiráns pode resultar, co tempo e sen alamedas, con ou sen bandas de música e poetas getanfeños, amigos do anil obreiro e a ver que o pasa mentres o tempo corre e nos ispe de realidades xa pasadas.

Contenido patrocinado

stats