Días de radio e de inclusión social no Chivite de Verín

FERRAMENTA EDUCATIVA

O alumnado de 4º de ESO deste centro educativo de Verín ten a oportunidade de compartir recreos diferentes cos usuarios do Centro Ocupacional, coas ondas da radio como fío condutor

Gravación do programa “Vaiche boa!” de Radio Chivite con estudantes de 4º de ESO e usuarios do Centro Ocupacional de Verín (foto: C.L.M.)
Gravación do programa “Vaiche boa!” de Radio Chivite con estudantes de 4º de ESO e usuarios do Centro Ocupacional de Verín (foto: C.L.M.)

A radio é un acompañamento indispensable para moitas persoas cada día, unha voz ao outro lado do aparello que os informa e entretén.

Coa chegada das novas tecnoloxías, lonxe de esmorecer, o medio radiofónico mutou por completo, achegándose a máis recunchos e abríndose a novas voces grazas ao abaratamento e accesibilidade para producir contido sonoro dende calquera lugar.

O IES Xesús Taboada Chivite de Verín coñece ben o poder da radio como ferramenta educativa, xa que dende hai anos conta co seu propio medio na rede, Radio Chivite, unha iniciativa no marco do programa Radio na Biblio da Consellería de Educación.

Dende este curso ademais ten un novo espazo, “Vaiche boa!”, no que os protagonistas son os usuarios do Centro Ocupacional de Verín, unha oportunidade para que o estudantado verinés comparta espazo e actividades con realidades distintas ás do seu día a día.

Miguel, Rosa, Mari, Isabel, Antonio, Ester ou Raúl son algúns dos improvisados locutores que se van turnando, acompañados pola integradora social Marta Fernández Nicolino e a monitora Esther Diz Salgado, analizan asuntos de actualidade sen evitar ningún tema, como por exemplo a violencia de xénero polo 25-N, ou o que deu de si a semana futbolística. Tamén se atreven con entrevistas, como a que realizaron ao Luisito, dianteiro emblema do Verín CF.

Belén Permuy Rodríguez, profesora de 4º da ESO e mestra de Filosofía, destaca da radio como elemento integrador que é un xeito de “aprender a facer, en vez de aprender contidos. Pero ao tempo que o estudantado descubre como funciona a radio, tamén aprenden sobre inclusión social”.

Sobre o trato dos adolescentes cos usuarios do Centro Ocupacional, a profesora afirma que “de marabilla, xenial, isto dálles a posibilidade de coñecer outros mundos que, fóra das aulas, sería moi difícil que se xuntaran”

Compartir prácticas culturais

A biblioteca do IES Xesús Taboada Chivite convértese nun estudo radiofónico.
A biblioteca do IES Xesús Taboada Chivite convértese nun estudo radiofónico.

Máis ala da charla que se establece entre usuarios e alumnos, o “Vaiche boa!” descubre a estes últimos aspectos da realidade galega. Hatim El Aissaoui, nado no Marrocos, e Jesús Castro, de Venezuela, participan dende o episodio piloto.

Grazas á radio practican o galego e resolven co grupo do Centro Ocupacional as súas dúbidas sobre o samaín, o Nadal ou o entroido, cuestións nas que se abordan as distintas prácticas culturais e estas se achegan entre si.

O programa está a piques de rematar e arredor da mesa da biblioteca do Chivite que fai as veces de estudo radiofónico, arremuíñanse estudantes e usuarios con xenuína curiosidade.

Só queda que a profesora Belén monte o son para que o “Vaiche boa!” e a maxia da radio asalten as ondas (radiochivite.blogspot.com) ata vindeiras citas.

Contenido patrocinado

stats