MELLORA DO CICLO DA AUGA
A Xunta ratifica o seu apoio á alianza de 10 concellos do Támega
ALPINISTA
O Gasherbrum II, tamén coñecido como K4, elévase 8.035 metros sobre o nivel do mar, o que o sitúa como o 13º pico máis alto do planeta. Facer cume nesta montaña da Cordilleira do Karakorum, un ramal occidental do Himalaia, non é precisamente unha tarefa ao alcance de todo o mundo. Aínda menos se falamos de coroalo sen empregar osíxeno nin precisar da axuda dos sherpas, tal e como fixo en 2021 Gonzalo Fernández García, nado en Monterrei, andorrano de adopción e orgulloso galego nalgunhas das maiores cimas do mundo.
Este ano, de feito, estivo no Makalu, a quinta montaña máis alta do mundo, tamén no Himalaia. Pero o máis importante, como non se cansa de repetir, non é coroar, senón volver a casa: “Facer cume é o peche de ouro, pero se por tentar chegar alguén vai sufrir un accidente ou perder a vida, como xa ten pasado, entón non paga a pena subir”. Alá onde vai, este escalador sempre ascende por pura paixón, cun amor pola montaña cultivado lentamente.
En 1998, con apenas seis anos, Gonzalo deixou o seu Albarellos natal atrás e mudouse a Andorra coa familia, onde xa emigrara seu pai por traballo un ano antes. Un cambio “grande e traumático” inicialmente, pero que acabaría marcando o seu destino. No pequeno país pirenaico que o acolleu, aquel rapaz galego descubriu “a montaña e o esquí, no colexio era obrigatorio unha vez á semana, e acabei por collerlle o gusto”.
Cos anos, pasou do esquí a correr e facer bici pola montaña. Trala morte da súa nai, con 18 anos tentou volver a Ourense, pero tiráballe máis Andorra e volveu a vivir el só. Alí adentrouse no esquí de travesía e na escalada “moi progresivamente, o do alpinismo e a escalada en xeo non foi dun día para outro”, puntualiza. Pouco a pouco, con ascensións no Cáucaso, Kirguistán, Atlas, Alpes ou Pirineos, ata chegar ás incursións no Himalaia, onde non repetiu oitomil, e sempre sen sherpas nin osíxeno.
Tras oito anos e moitas experiencias nos campos base, este galaico-andorrano xa se considera “himalaísta”. Pero a montaña require, ademais dunha gran preparación física e psicolóxica previa, de moita paciencia e capacidade de adaptación: “Nunha montaña de 5.000 a 6.000 metros, en 2 ou 3 días xa estás aclimatado, e nunha semana estás listo para facer un ataque final, cousa que nun 8.000 é impensable”. Enfrontar a soidade, con “xornadas longuísimas de noite, pasando moitísimo frío e en total silencio”, tampouco é doado.
Dá conferencias e protagonizou documentais que narran as súas expedicións sen axuda de sherpas nin usar osíxeno
Gonzalo afirma que nunha expedición é vital “confiar na xente que te acompaña”, normalmente amigos aos que coñece ben da montaña: “As probabilidades de que che ocorra algo perigoso son moi altas, así que tes que ir rodeado de persoas que sabes que se defenden tecnicamente ás perfección. Cando estás metido na montaña, en caso dalgún problema, a opción de rescate vai depender do teu compañeiro”, explica.
Antes de comezar a ascender oitomiles no Himalaia, hai seis anos, facía traballos verticais de mantemento en estacións de esquí. Pero as expedicións condicionan o seu modo de vida: “Son incompatibles cun traballo estable, polo que agora fago de transportista”. Unha ocupación flexible que lle permite ausentarse os meses do ano que duran as súas viaxes.
Iso sen contar o custo económico, que pode chegar a 20.000 euros: “Busco patrocinadores, fixen documentais, dou conferencias. E móvome por redes sociais”. Na súa conta de Instagram (@gonzalo_pirineus), amosa a preparación para un novo reto: subir o Nanga Parbat, a 8.125 metros, en Paquistán.
Aínda que rexeita as imaxes recentes de colas quilométricas para subir ao Everest, di saber “onde ir para non atoparmas”. Gonzalo, sobre todo, síntese moi orgulloso de ser galego e alpinista, dous conceptos pouco habituais. Porque se algo queda claro, é que para el non hai teito no mundo que se lle resista. n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MELLORA DO CICLO DA AUGA
A Xunta ratifica o seu apoio á alianza de 10 concellos do Támega
FERIA VITIVINÍCOLA DE REFERENCIA
20 bodegas de la D.O. Monterrei se mostrarán en Barcelona
Lo último
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, miércoles, 4 de febrero?
ESQUELAS DE OURENSE
Las esquelas de este miércoles, 4 de febrero, en Ourense
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Miércoles, 4 de febrero