O músico Xabier Díaz: “Ter lingua propia é un privilexio, sen ela perderíamos todo o que somos”

ENTREVISTA

Nesta altura o músico coruñés Xabier Díaz non precisa de presentación. Cantante e compositor, referente da modernización da nosa música tradicional, no seu labor como compilador pasou anos recollendo gravacións por aldeas de toda a xeografía

O músico coruñés Xabier Díaz (foto: Carlos Albal).
O músico coruñés Xabier Díaz (foto: Carlos Albal).

Trala disolución do supergrupo Berrogüetto, comezou a colaborar coasAdufeiras de Salitre. Este sábado defenden no Auditorio verinés, ás 21,00 horas, o último dos seus catro álbumes conxuntos: “Axúdame a sentir” (2024).

PERFIL

Lugar e data de nacemento: A Coruña, 1969

Dato: Recompilou folclore do Riós e de Viana

Debería estar o patrimonio cultural inmaterial que compilou protexido pola Administración?

Si, o que pasa é que neste país sempre houbo máis preocupación polo que se ve que polo non tanxible. O folclore, o idioma mesmo, vertebran e constrúen a nosa identidade, o noso ser como galegos, como dicía Cunqueiro. Para comprendernos a nós mesmos é importante investigalo, conservalo, estudalo, poñelo a disposición das xeracións vindeiras. Sempre acreditamos máis nos grandes contedores. Temos unha Cidade da Cultura cun Arquivo Sonoro de Galicia, pero está coxo, non está ben artellado, falta parte do noso patrimonio como ti ben apuntas. Temos unha materia pendente.

O que é innegable é que a música tradicional está de moda, mesmo noutros xéneros como fan Baiuca ou as Tanxugueiras.

As modas tenden a ser algo pasaxeiro, e eu son máis de que as cousas se constrúen con calma e perspectiva. Pero creo que a nosa tradición, o folclore, está abrazando tódolos estilos, “contaminándoos” dunha forma moi natural, achegándolles identidade. O momento, en todo caso, é extraordinario, iso é innegable. Hai moita xente nova que escoita música galega contemporánea, e celebro o aire fresco desas e outras propostas como Mondra ou Fillas de Cassandra. Estamos a vivir un renacemento. É a proba de que quizais aqueles primeiros golpes de fouciño para desbastar os camiños foron moi efectivos.

Como convive un artista tradicional coa música de hoxe, deseñada por ordenador? Co autotune non fai falla nin saber cantar.

Pois é un debate latente na profesión. Como dixo alguén, “eu veño do século pasado”. A miña relación coa música é moi orgánica, acústica e analóxica. Pero o paradigma cambiou dunha maneira rotunda. A xente necesita música máis rápido, con moita vertixe, porque así son as vidas e o scroll dos teléfonos. Explicarlle a un nativo dixital o que sentíamos ao desprecintar un vinilo… ten algo de xeracional e de nostálxico. Son incapaz de predicir o que vai pasar, por exemplo coa intelixencia artificial. Non me pecho a nada, pero aos meus 55 tacos síntome cómodo respirando esta maneira de facer e de pensar.

Xa van catro álbums coas Adufeiras de Salitre. Estase mellor rodeado de mulleres, de pandeiretas que de gaitas? Noutro medio dixo que a pandeireta era “o instrumento nacional de Galicia”.

Foi un comentario algo perturbador para unha parte da profesión, pero non por iso é mentira. O noso folclore e o seu contexto sociohistórico construíuse fundamentalmente coa pandeireta, un instrumento máis simple, que se podía fabricar en calquera sitio e montar un baile toda a noite. Iso pasou en Galicia dunha forma moi atomizada. O número de tocadoras era infinitamente superior ao dos gaiteiros. Esa foi a verdade que construíu dalgunha maneira a música e o baile. As mulleres foron ademais as que transportaron o corpus do cancioneiro lírico, información imprescindible para comprender o ser galego. Nos anos 80 e 90 creouse, na miña opinión, unha falsa imaxe de que no cumio da pirámide dos instrumentos tradicionais estaba a gaita, converténdoa no instrumento icónico por excelencia, en detrimento da pandeireta, considerada pobre e menor, que a tocaba calquera. Quizais fun un pouco visionario, vin que no momento en que estoupara esa enerxía latente que durante séculos construíu a nosa música, reequilibraríase a pirámide. Tamén quixen azuzar un pouco aos gaiteiros, que son amigos meus (ri).

A música en galego gañou o mainstream, pero a lingua non para de perder falantes.

Durante moitos anos viámolo moi lonxe. As porcentaxes eran algo mentireiras e axudaron a disfrazar unha realidade, pero basta con estar ao tanto do que acontece nos centros escolares. Nalgún momento chegáronse ata a crear movementos para salvar o castelán, algo certamente distópico. Pero agora nos atopamos cun problema grave e fundamental para non deixar de ser o que somos. Con total transversalidade, independentemente do pensamento político. Perder o idioma é perdelo todo para nós. Considero que se trata dun problema estrutural, moi vencellado á xestión da cuestión educativa. Non me gusta cando din que os funcionarios teñen a obriga de falalo e que nós temos o dereito de sabelo e usalo. Por enriba de todo iso, os galegos e as galegas temos o privilexio de ter unha lingua propia. É algo absolutamente marabilloso. Ogallá que a xente que ten a responsabilidade de pór a lingua de novo en funcionamento teña primeiro vontade, e despois acerto.

A RAG fíxolle caso por fin e dedicaralle o Día das Letras Galegas ás cantareiras.

E eu estou feliz, alégrome moito. O país e as letras fanlle xustiza a unha memoria moi colectiva, moi líquida, que se ve incluso reflectida e recoñecida na obra de Rosalía de Castro, de Ramón Cabanillas, etc. Cando todos eles foron quen de celebrar, de incluír e achegarse á lírica popular con tanto amor, está ben que no século XXI a Real Academia Galega tamén o faga. A sociedade galega na súa totalidade debería ser consciente dese patrimonio, e de que todo o que está a pasar agora e as cotas de mainstream acadadas, teñen un manancial primixenio, do que nace todo iso. Está ben que sexamos agradecidos a toda esa xente. Ademais non fai falta personalizalo, é unha festa moi colectiva.

Contenido patrocinado

stats