Ramón López Vázquez: “O galeguismo do Eloy Luis André era industrial e cultural, moi europeísta”
ENTREVISTA
O catedrático de filosofía lugués Ramón López Vázquez é o segundo ponente das xornadas sobre o psicólogo, escritor e filósofo verinés Eloy Luis André
Este xoves na Biblioteca de Verín, ás 19,30 horas, López Vázquez dará unha ponencia titulada “A variante André: europeísmo, españolismo, galeguismo”.
Estará acompañado por Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco e membro do plenario do Consello da Cultura Galega, que organiza xunto co Concello da vila.
A que se refire exactamente co de “A variante André”?
Ao pé da letra refírese á vía do tren, que el quería que fora dende a Puebla de Sanabria ata Ourense, pero pasando por Verín, Xinzo e Allariz, algo que nunca foi. Pero o sentido que eu lle dou ao de “variante” é o de singularidade, porque o André era un pensador orixinal. Tódalas súas análises, artigos, receitas, sempre foron orixinais, persoais. Sempre se mantivo como un pensador orixinal, que ía polo mundo, e as súas solucións aos problemas sempre tiñan orixinalidade.
O verinés desenvolveu o seu propio europeísmo xa daquelas.
O André entendía o galeguismo dende o seu europeísmo, que nel consistía no feito de adquirir a mentalidade europea, centrada na necesidade de dispór dunha industria propia. El viaxou por Alemaña e comparou como vivían os labradores europeos e como o facían os de Ourense. E claro, o contraste era total e absoluto. El quería cambiar iso, e a forma de cambialo era por medio da cultura e por medio da industrialización, do comercio. Todo o que require a industria: producir bens e servizos, vendelos, compralos, comercializalos.
Como era en síntese o seu galeguismo?
A capital debía estar en Vigo, non en Santiago, para facer do porto de Vigo o gran porto para o mundo, sobre todo para América e a través da canle de Panamá para os mercados asiáticos. O seu era un galeguismo orixinal, non tiña nada que ver co galeguismo do rexionalismo, nin do provincialismo, nin do agrarismo. Era un galeguismo industrial e cultural.
Por que é unha figura tan esquecida?
Por ser un rexeneracionista sen ningún recoñecemento dos poderes públicos nin dos gobernantes, que foron por outro lado do que el dicía. Pero o André tiña ideas moi actuais, e moi daquel momento. Inventou un sistema de filosofía propio, o activismo ideoestético, que se resume en acción, non pensamento nin contemplación, cómpre facer as cousas. El de feito tiña unha enfermidade, pero nunca se queixou.
Sempre estivo moi apegado a Vilardevós.
Escribía dende cedo na terraza da súa casa alí, cara a serra das Penas Libres, que o inspiraba moito. Tiña un concepto da vida coma o dun labrego, que pelexa por mellorar, por esforzarse. Para el todo era esforzo, unha das súas ideas máis constantes.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ARRANCA LA TEMPORADA
Iván Ares lidera La Nucía con varios pilotos muy igualados
VIOLENCIA VICARIA BAJO IVESTIGACIÓN
Un hombre mata a su hija de tres años en Torrevieja en un caso que se investiga como violencia vicaria