🏀 DIRECTO
Fuenlabrada-COB

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei homenaxeará ás gaiteiras

XXXIX EDICIÓN

A XXXIX edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei renderá homenaxe á muller gaiteira a través da figura de Áurea Rodríguez, considerada a raíña da gaita galega, e nacida en Muntián, Cartelle, en 1897

José Luis Suárez, César Fernández e Xosé Lois Foxo, acompañados cantareiras da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
José Luis Suárez, César Fernández e Xosé Lois Foxo, acompañados cantareiras da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, presentaron onte o programa da Xuntanza, que reunirá a máis de 150 participantes.

O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural, celebrarase os vindeiros días 30 e 31 de agosto un ano máis no entorno do castelo de Monterrei, coa participación de destacadas gaiteiras internacionais de Suecia, Alemaña, Bulgaria e Escocia.

César Fernández felicitou ao Concello de Monterrei pola “súa defensa a prol da nosa cultura e da nosa identidade”. Pola súa parte, o alcalde de Monterrei lembrou que a Xuntanza leva a celebrarse dende o ano 2007 de xeito permanente “na nosa Fortaleza, a acrópole máis grande de Galicia, sendo o broche de ouro á intensa actividade cultural que temos no noso municipio”.

Por último, Xosé Lois Foxo explicou que en cada edición “tratamos de traer a Ourense a persoeiros referenciais do mundo da cornamusa”. O acto de presentación pechou coa actuación dun grupo de cantareiras da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Programa completo de concertos e actividades

O venres 30, ás 19,00 horas, a praza Hermida de Flariz acollerá as actuacións da agrupacións e músicas Banda de Gaitas de Flariz, Nadia Vázquez, Anna Rynefors, Basilia de Santa Baia de Montes, Liesa & Ulrich Künzelmann, Trío Búlgaro e Isla Jane Stout & Kerr. Mc Quillian. Ás 23,00 horas terá lugar un concerto de Lucía Pérez, na praza de Abaixo de Flariz.

O sábado 31, a partir das 19,00 horas, celebrarase a Xuntanza Internacional de Gaiteiros na explanada do castelo de Monterrei, cos grupos do día anterior e máis Flor de Xesta de Verín, a Bandas de Gaitas Nova Era, a Banda de Gaitas do Concello de Verín, a Banda de Gaitas do Riós e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, acompañada por Lucía Pérez.

Haberá ademais unha serie de conferencias a cargo de gaiteiras dos diferentes países participantes, no Hospital dos Peregrinos, onde tamén se poderá visitar eses días a exposición fotográfica que estará dispoñible sobre a iconografía da gaita.

Tamén se impartirá o 1 de setembro un curso de ornamentación na gaita e percusión, na sede da Escola Provincial de Gaitas.

Contenido patrocinado

stats