Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Cumplir
En Galicia, cando falamos dos tomates da nosa horta, das patacas que cultivamos, dos ovos que che pasa o veciño por enriba do peche ou de calquera outro produto que chega á nosa mesa e sabemos de onde vén, temos unha expresión que di moito máis do que parece: “É da casa”. E dicímolo cunha satisfacción especial, porque non é simplemente unha cuestión de procedencia, é algo que coñecemos, que sentimos próximo e que forma parte do noso día a día. Son apenas tres palabras, pero detrás delas hai raíces, recordos, esforzo e unha maneira moi nosa de entender as cousas.
Estes días, pensando nas próximas eleccións xerais e na transcendencia que terán para o futuro do noso país, veume á cabeza esa expresión ao pensar en Alberto Núñez Feijóo. Porque Feijóo é da casa. Os ourensáns e os galegos coñecémolo. Sabemos de onde vén, onde medrou e como chegou ata aquí. Vímolo gobernar Galicia durante trece anos, traballar para que a súa terra medrase sen perder as súas raíces e ofrecese cada vez máis oportunidades á súa xente.
Un camiño que hoxe continúa Alfonso Rueda á fronte da Xunta, co seu propio estilo
Un camiño que hoxe continúa Alfonso Rueda á fronte da Xunta, co seu propio estilo, a súa proximidade e esa forma de entender a política desde a rúa, escoitando a xente, coñecendo de primeira man as súas preocupacións e traballando para darlles resposta; con novos proxectos e coa ambición de seguir facendo medrar Galicia, sen perder nunca o contacto con quen lle dá sentido ao servizo público: as persoas. E quizais sexa precisamente iso o que máis necesitamos recuperar na política nacional: a proximidade, a responsabilidade e a capacidade de gobernar pensando nos problemas reais dos cidadáns.
O sanchismo déixanos incerteza, crispación intencionada e demasiadas familias facendo contas para chegar a fin de mes. Tamén nos deixa a aprendizaxe de que un país non se goberna a golpe de titulares nin de vídeos e moito menos de ocorrencias nas redes sociais. As redes poden xerar miles de reaccións, pero non garanten o mantemento dunha vía de tren, non resolven unha folga de médicos nin axudan a un mozo a atopar unha vivenda. De pouco serve gañar todas as batallas na rede social X se logo se perden as que de verdade lles importan aos cidadáns.
Creo que chegou o momento, despois destes oito anos de Pedro Sánchez, de mirar ao futuro e preguntarnos que forma de gobernar queremos para España. Unha reflexión que desde Galicia podemos facer mirando tamén á nosa propia experiencia e ao valor que lle damos a unha política que se traduza en feitos e en respostas aos problemas da xente. Non necesitamos “influencers” á fronte dun Goberno, senón xestores, persoas que coñezan a Administración, que saiban tomar decisións e asumir responsabilidades.
Alberto Núñez Feijóo é da casa
E volvo ao principio, a esas tres palabras tan nosas e que tantas veces lles escoitamos aos nosos pais e aos nosos avós. Alberto Núñez Feijóo é da casa. Dese Ourense de aldeas pequenas e de raíces profundas, desa Galicia que sabe o que custa sacar o día a día adiante. Hoxe Feijóo preséntalle a España unha alternativa de goberno apoiada na súa experiencia, porque nin parte de cero nin necesita inventar un relato para estas eleccións. El ten unha historia detrás, chea de decisións e de resultados que están aí para ser valorados.
E quizais esa sexa a reflexión coa que quero rematar. Cando o 29-N está en xogo o futuro de España, non abonda con escoitar o que nos prometen, tamén hai que mirar o que fixeron antes. Porque as palabras ilusionan, pero son os feitos os que constrúen a confianza. E os de Feijóo coñecémolos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 25 de noviembre
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
La memoria de las mujeres
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Violencia de género