Alfredo Conde: “O Nadal converteume nun traidor á lingua galega”

Alfredo Conde é escritor

Publicado: 18 ene 2024 - 01:27 Actualizado: 18 ene 2024 - 07:30

Alfredo Conde posa co seu novo libro.
Alfredo Conde posa co seu novo libro.

O escritor ourensán Alfredo Conde presenta o venres ás 20,00 horas no Liceo seu último libro, “A conto do político”, onde fala da súa infancia e das posteriores vivencias políticas.

Como influíu na súa vida ter unha familia tan politizada?

Para empezar a falar da miña relación coa política empecei contando no libro dende que vin ao mundo porque vivín as dúas realidades, a da familia da miña nai en Ourense e a do meu pai que era un galeguista de esquerdas. Eu son consecuencia de vivir unha temporada na casa da miña avoa e outras na casa de meus pais. Aprendín a contemplar os dous ángulos da realidade e a intentar comprender sempre ao outro porque que non todo é absolutamente bo nin absolutamente malo. A diferenciación entre bondade absoluta e maldade absoluta é totalitarismo.

No libro fala moito de seu pai, que foi o máis importante que aprendeu del?

A primeira vez que me chamou a atención foi nunha ocasión que tiña un flegmón e díxome “vai onde Tito Vázquez que é falanxista, pero bo rapaz”, eu quedei sorprendido. Aprendín del que se a política non é dialogo e pacto é outra cousa, e se é outra cousa a min non me gusta.

Di no libro que a efeméride da morte de Franco non lle interesa aos que naceron en democracia, cre que falla a memoria histórica?

Cando Franco morreu dixo que deixaba todo atado e ben atado. Eu entendín daquela que as institucións están para manter unha continuidade, equivoqueime porque o que quedaba ben atado eran as consciencias. O réxime de Franco creou unha clase media que tende á tranquilidade e ao mantemento dun modo de vida e despois de 40 anos de réxime é lóxico que queden unha serie de recursos intelectuais que tendan a rescatar o bo e a ignorar o malo. Nós vimos dun país no que se dicía que “matar roxos non era matar” e eu son dos que pensa que matar un home é matar un home, sexa de esquerdas ou de dereitas.

Vostede conta a súa experiencia no primeiro Parlamento de Galicia, molestou a alguén contando tantas cousas daquela época?

Supoño que si. Toda opinión xera opinión controversia e opinión en sentido contrario. De momento, cos tres libros que levo non recibín respostas sátiras, senón o contrario, a xente estoas lendo con gusto, segundo me din. Supoño que hai xente que non lle gustará algunha das cousas que deixo en evidencia, pero tampouco me gustaron a min outras cousas que dixeron de min. Ese é o xogo, de feito, na lectura practicamente sempre digo quen estaba en tal situación e que sabe o que pasou.

Cales son os seus próximos proxectos?

Eu antes dun ano convírtome en octoxenario e os meus proxectos son vivir canto máis e mellor posible e seguir escribindo. Agora estou con outra novela, pensaba escribir outro libro que fora “A conto do familiar”, pero decidín que mellor non, que era mellor deixalo así porque falei bastante da miña familia nestes últimos tres libros.

Quero escribir un par de novelas máis ou unha máis, dependendo do tempo que teña, sabendo que á miña idade as novelas dos escritores non superan as anteriores, co cal sei que non vou facer nada que mellore a obra anterior, ao mellor o que fago é empeorala. Fareino porque me gusta escribir e porque é un xeito de vivir, que podo practicar, que me entretén e me fai vivir máis que unha persoa normal, dando por sentado que un escritor moi normal non ten que ser un obsesivo compulsivo.

Cantas horas lle da o día para escribir?

Diante do ordenador paso moitas horas ao día, o que non quere dicir que as aproveite todas. Hai días que estás diante como un paspán e non sae nada e outro día sae todo. Ás veces dóeche a cabeza e poste a escribir por disciplina e paréceche que está moi mal, logo lelo ao día seguinte e gústache.

Goza máis agora de escribir que cando empezou?

Unha vez falando con Camilo José Cela, cando ía sacar “Madera de boj”, el tiña entón 80 anos e expresábase cos mesmos medos, inseguridade e esperanza que un rapaz que vai sacar o seu primeiro libro. Non só el, senón todos os escritores maduros temos a mesma ilusión escribindo a primeira novela que a última, o que é distinto é o afán de notoriedade, é dicir, a emoción de ver por primeira vez un libro teu no escaparate da librería non a sinto.

O que sinto é unha satisfacción enorme cando alguén me di que lle gustou o libro ou que non lle gustou e razóao, eu agradezo moito as críticas negativas porque me impulsan a mellorar, en cambio, os benevolentes danme medo porque a loanza corroe moito. Se queres facerlle a puñeta a un escritor dille que é unha marabilla porque entón abandónase e non segue pelexando.

A vostede pasoulle iso cando recibiu o Premio Nadal?

O Premio Nadal é un episodio triste na miña vida. Eu gañeino no ano 1991 e creoume un contratempo importante porque se xulgou que calquera escritor galego tiña dereito a gañar o premio menos eu, entón convertéronme nun traidor á lingua galega, dándose a circunstancia de que son o escritor que máis escribiu en galego, son moitos libros e artigos.

Contenido patrocinado

stats