Antonio Rodríguez Miranda: "Galicia Gaña moitísimo con bolseiros de 40 países"

CAFÉ DE REDACCIÓN

O secretario Xeral de Emigracións, Antonio Rodríguez Miranda, analiza a situación dos estudantes en Galicia nos estudios de La Región e Telemiño

L. Vázquez / Álvaro R.D.U.

Publicado: 08 dic 2024 - 06:30

Rodríguez Miranda, no estudo de Telemiño
Rodríguez Miranda, no estudo de Telemiño

En Galicia hai uns 250 mozos e mozas que estudan un mestrado grazas ás bolsas BEME. Esas bolsas ofreceranse a partir do próximo curso a títulos de grao. A intención é que eses mozos e mozas queden xa en Galicia?

Indubidablemente. As bolsas BEME (Becas de Excelencia e Mobiliade Exterior) máster son unha experiencia excepcional, un dos programas que mellores resultados nos ten dado dende o punto de vista de sociedade, porque nos permite incorporar 250 mozos cada ano. A media de idade está en 29 anos, e falamos de mozos e mozas que, sendo mozas, xa teñen unha traxectoria importante, non están recentemente formados. É un perfil de alguén que rematou a súa carreira, está traballando e ven a Galicia porque lle damos unha oportunidade de virse e mellorar a súa formación. Con esas bolsas, e coas de Formación Profesional, que xa están en marcha, xa son máis de 2.000 persoas que conseguimos que se estableceran en Galicia, e o 80% queda en Galicia, segundo as cifras xa constatadas de promocións anteriores. Este programa non obriga a quedar, non existe ese compromiso, pero quedan. Queremos que sexa un mecanismo que sexa “ves un ano, dámoste unha beca, e a partir de aí te integras no sistema de ensino, e acceder ás becas xerais”. Con iso queremos atraer persoas novas, que veñan a estudar a Galicia, e que despois da formación loxicamente queden, claro.

Iso esixe sentar tamén coa universidade. Non é sinxelo.

Coas universidades galegas temos un bo entendemento. A través dos mestrados estamos posibilitando que entren 250 alumnos novos cada ano nas universidades, e ademais entren dende o exterior, o cal lles da ás nosas universidades algo moi importante, porque unha das medidas de valoración universitaria é o número de estudantes estranxeiros que tés. Estes alumnos, aínda que son galegos, veñen do exterior e polo tanto ás universidades favorécelle moito.

É certo que coas universidades temos algún camiño que andar aínda, porque levámoslle pedindo prazos de acceso unificados para todas as persoas que veñen do exterior, e aínda non o conseguimos.o.

Amplialo ós graos implica novos retos. Por exemplo, estamos falando, no caso de estudantes de primeiro ano, que aínda non sexan maiores de idade ou teñan que participar nunha ABAU para poder acceder ós seus estudos.

Certamente é así. Máis aínda, atopámonos agora que o Estado vai cambiar a regulación de acceso para os estudantes estranxeiros que había ata agora. No próximo curso será distinta, e se ata agora valía coa homologación dun título equivalente ó noso bacharelato, agora vai esixir, probablemente, unhas probas de coñecemento para todos. E nós ímonos atopar esta convocatoria a cabalo entre dous procedementos distintos. Por iso a primeira ten que ser mais reducida e de análise, para poder facer fronte a estes retos.

Fóra do ámbito universitario, a Formación Profesional é unha aposta decidida da Xunta de Galicia, na que van entrar tamén bolsas para a xuventude do exterior.

Nese ámbito, levamos varias convocatorias tanto para acceder á FP básica coma a dual, que tamén ten un resultado importante. Estamos estudando todas as posibilidades, mesmo tamén a posibilidade de que os estudantes do exterior poidan vir a facer aquí prácticas, a Galicia. É algo que as empresas nos están demandando, porque é unha forma de incorporar a profesionais que, se ben se formaron no exterior, a propia empresa pode coñecelos e logo contratalos.

Eu creo que Galicia ten un caudal laboral no exterior. E ese caudal determina que se conseguimos que os nosos volvan a casa en primeiro lugar, facemos efectivo un dereito: que os galegos volvan á súa terra. Pero para nós, Galicia gaña moitísimo con todo isto. Gaña afrontar o reto demográfico, e máis importante, aumentamos a nosa vantaxe competitiva, porque estamos incorporando profesionais de todo o mundo. Os bolseiros veñen de 40 países do mundo, que as nosas empresas van poder incorporar.

Queriamos falar tamén do programa Retorna Cualifica Emprego. Foi unha experiencia piloto que vai continuar e ter 2,3 millóns de orzamento, medio millón máis.

Foi unha das partes que mellor funcionou de toda a estratexia Galicia Retorna. Esta estratexia supón que todos os departamentos da Xunta se impliquen para axudar a unha familia a establecerse. Que non significa crear novos programas ad hoc e solo para retornados, non. Moitas das medidas son medidas que xa ten aquí calquera galego á súa disposición. Pero a unha persoa que ven de fóra hai que dicirlle que existen e onde as ten porque o descoñece.

Nós axudamos dende o punto de vista social cando chegan, cun pequeno colchón económico que reciben unha soa vez, porque o que queremos é que comecen a traballar. Tratamos de axudar coa vivenda, porque se calquera galego xa ten problemas, moito máis unha persoa que ven de fóra. Nós temos claro que, se a unha familia que ven ti a axudas, se os seus fillos poden ir rapidamente ó colexio –e iso soluciónase en días-, as dúas cuestións fundamentais que necesita son vivenda e traballo. Polo tanto, neses dous aspectos é onde estamos incidindo nesta etapa.

No traballo, máis alá de que axudemos á xente que xa veu a conseguir traballo o antes posible –e aí entran os orientadores e os traballadores das oficinas de emprego, así como as propias oficinas de retorno-, nos quixemos dar un paso máis, e aquí volve ese programa que comezou sendo unha experiencia piloto e agora volve cos erros que fomos atopando corrixidos. A intención é que a familia, antes de vir xa saiba a que vai vir a traballar. E cando saia do país onde está residindo, veña cun contrato de traballo que lle fixo unha empresa galega con carácter indefinido. Así, cando esa familia chega, xa ten unha das grandes inquedanzas solucionada: xa ven cun posto de traballo. E se ven a parella con traballo, pois moito mellor.

Contenido patrocinado

stats