Antonio Rodríguez Miranda: "A nosa singularidade é ter a 500.000 galegos vivindo fóra"

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, explica en La Región e Telemiño a Estratexia Galicia Retorna, un traballo que abrangue a tramitación e asentamento dos retornados que cheguen a Galicia

L. Vázquez / Álvaro R.D.U.

Publicado: 08 dic 2024 - 06:15 Actualizado: 08 dic 2024 - 10:24

Café de Redacción. Antonio Rodríguez Miranda 08.12.24

A Secretaría Xeral da Emigración ocupouse durante este ano de que aqueles galegos que desexaran retornar dende a diáspora atopáranse coas menores dificultades posibles. O seu responsable, Antonio Rodríguez Miranda, pasaba por Telemiño para analizar ese traballo, artellado en torno á Estratexia Galicia Retorna, que abrangue tanto o campo da tramitación coma o asentamento e posibles oportunidades laborais unha vez os retornados cheguen a Galicia.

"Se non estamos en contacto con eles, se non os coidamos... mal podemos chamalos para que poidan volver"

A estratexia Galicia Retorna, pode ser o piar onde se apoian as políticas da Secretaría?

Hoxe ten unha importancia excepcional. O noso traballo xira por unha banda sobre o retorno, para que a xente poida volver á terra pero sen esquecer o fundamental: que todos eses galegos que temos no exterior estean atendidos. Porque se non estamos en contacto con eles, se non os atendemos, se non os coidamos… mal podemos chamalos para que poidan volver a Galicia.

Podemos falar de cifras? No obxectivo da Estratexia había uns 30.000 galegos de fóra que a Xunta de Galicia pretendía establecer na comunidade.

Ese e o obxectivo que temos ata 2026. Nosos datos sempre se van coñecendo a ano vencido, segundo os facilita o Instituto Nacional de Estatística. Os últimos que temos son de 2022, aínda non sabemos os do 2023, pero coido que non tardaremos moito en sabelos. Xa en 2022 foron moi bos, porque chegamos ás 8.000 persoas retornadas. Penso que en 2023 os datos serán igual de bos e no 2024, os indicios que estamos tendo a través de diferentes programas tamén nos están dando unas perspectivas moi positivas.

"Xa son máis de 2.000 persoas que conseguimos que se estableceran en Galicia, e o 80% queda"

Esa estratexia foi a primeira en poñerse en marcha en España. Cre que é un modelo exportable?

Pois sí, foi a primeira, eu diría que en España e en Europa, porque non nos consta outra estratexia semellante posta en marcha. Eu creo que Galicia ten a singularidade de ter moita xente no exterior, de ter 500.000 galegos no exterior aínda que o 80% realmente xa naceron no país no que viven, non son galegos que naceron aquí e que marcharon. Que pode ser obxecto de outras comunidades autónomas facer algo semellante? Sen dúbida, de feito xa está a ocorrer.

Os nosos veciños de Asturias, como seu propio presidente dixo, van seguir a senda de Galicia. Outras comunidades autónomas como pode ser Valencia xa antes dos cambios de gobernó traballaban na mesma liña. E o propio estado está indo polo mesmo enfoque que nos temos. E iso nos alegra, non porque vexamos que nos están copiando, senón porque cremos que é a forma de actuar adecuada, e así o expresamos a outras comunidades ás que lles pode valer a nosa experiencia ou ó propio Estado. Entón, cando eles seguen a mesma pauta, eu creo que é positivo, porque as comunidades autónomas podemos chegar ata certo punto, pero necesitamos que o Estado vaia na mesma liña, porque é quen ten a maior competencia en políticas de retorno. Ante a ausencia destas a nivel estatal é polo que Galicia decidiu traballar nun ámbito que nós consideramos que é peza fundamental.

"Supón que todos os departamentos da Xunta se implican para axudar a unha familia a establecerse"

Peza fundamental na Estratexia Galicia Retorna son as Oficinas de Asesoramento e Acompañamento. Como se está a traballar nelas?

Pois si, a estratexia ten dous piares básicos para que poida funcionar, así o establecemos cando empezamos a funcionar a partir da experiencia. Porque non é que se lle ocorrese a alguén, senón que pensamos que toda a Administración debía implicarse porque tódolos departamentos poderían facer algo para axudar ós galegos a integrarse cando volven, e logo necesitaban un lugar de referencia único. Non podían andar petando en todas as portas para ver aquí como me poden axudar, ou que papel teño que facer. Hai un sitio de referencia único: as nosas oficinas integrais. Queremos contactar cunha persoa xa antes de retornar, e dicirlle que documentación ten que traer ou que momento do ano é mellor para vir. A xente darase conta cando ten fillos que os ciclos escolares son fundamentais, pero poden ser tamén outros aspectos de índole laboral ou administrativos. Se lles asesoramos alí, cando chegan teñen un lugar de referencia.

As nosas oficinas non só responden ó que se lle pregunta, senón que a esa familia que xa contactou se lle fai un seguimento ata que está plenamente integrada en Galicia. Por iso falamos de seguimento e acompañamento, non só de información.

Un dos problemas que máis se comenta é a homologación dos títulos. Nese senso a Xunta pedía ó Goberno unha axilización. En que punto nos atopamos?

É un problema que arrastramos desde fai moito tempo. Tense pedido reiteradamente ó Goberno, pero non avanzamos. As persoas que veñen do exterior teñen un problema se estudaron fora. Conseguir a homologación do seu título universitario pode ser un proceso de anos. E cando digo anos pode ser dous, tres, catro… non hai nada certo. Temos un caudal de coñecemento e persoas con experiencia profesional moi relevante que non poden traballar no sector e no nivel de cualificación que lles outorga a súa formación e experiencia.

É certo que pode haber excepcións, porque no ámbito privado non sempre é necesaria a homologación e sempre se valoran as capacidades. Pero hai determinado tipo de titulacións nas que non te podes saltar a homologación. Falamos dun enxeñeiro, falamos dun arquitecto, falamos dun médico… aquelas profesións reguladas e suxeitas a colexiación que se non se fai homologacións obrígante a facer traballos moi por debaixo da capacidade que tú tes. Nin a empresa pode aproveitar o recurso desa persoa que ten, nin o propio traballador pode chegar a desenvolver as súas capacidades.

"En casos de familias galegas con membros sen a nacionalidade, hai que tratalos como se a tiveran"

Outra demanda que a Xunta ten trasladada ó Goberno central son os permisos de residencia e os permisos de traballo.

Claro, aí é certo que dende o punto de vista da migración o noso ámbito está limitado ós galegos que volven, é dicir, persoas que chegan coa nacionalidade española. Pero a día de hoxe, as familias que volven do exterior aínda que sexan galegas, algún dos seus membros non teñen esa nacionalidade. Con esas familias veñen outros familiares que non teñen nacionalidade. Pedimos que cando se trate de familias españolas que teñan membros sen a nacionalidade, hai que tratalos somo se a tiveran a efectos de darlle de maneira inmediata o permiso de residencia.

Neste senso, o estado sí vai avanzando. Na última modificación do regulamento de estranxeiría sí se avanzou na situación, e agora hai que ver se se vai aplicar, e se realmente o cambio que fixo é eficaz, pero polo menos aí sí se atendeu a demanda e se mellorou a situación. Tamén é certo que o problema que se está a vivir agora é o colapso dos servizos nas oficinas de estranxeiría, onde pedir citas para os trámites é un camiño moi tortuoso que teñen que corrixir, porque non só está ocorrendo neste ámbito, senón noutros campos da administración parece que volvamos ó século XIX e ó “vuelva usted mañana”, porque non hai capacidade de atender cando a administración española xa tiña superado todo iso. No caso de estranxeiría é outro dos problemas que se está a atopar a xente. E se non poden tramitar, non poden regularizarse.

Contenido patrocinado

stats