Galicia impulsa rehabilitar vivendas no rural para atraer e fixar traballadores
ABERTO O PRAZO
Xa está aberto o prazo de solicitudes da convocatoria conxunta das consellerías de Emprego e Vivenda
Galicia dá un novo paso para conectar emprego, vivenda e dinamización do territorio coa posta en marcha dunha liña pioneira de axudas destinada á rehabilitación de vivendas en pequenos concellos para o seu alugueiro ou cesión a persoas traballadoras vinculadas a empresas con centros de traballo na comunidade.
A convocatoria, dotada con 1,5 millóns de euros para o período 2026-2027, é unha iniciativa conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. O programa céntrase nos municipios de menos de 20.000 habitantes e busca facilitar o acceso á vivenda, apoiar as necesidades do tecido produtivo galego e contribuír á fixación de poboación no territorio. A coordinación entre as consellerías reflicte a aposta do Goberno galego por un enfoque transversal no que a política de emprego e a política de vivenda se reforzan mutuamente.
Poderán beneficiarse das axudas os propietarios, usufrutuarios ou cesionarios do uso desas vivendas por un prazo mínimo de 10 anos, xa sexan as propias empresas que contratan ou persoas físicas ou xurídicas e concellos que se comprometan con elas a destinar os inmobles que rehabiliten aos seus traballadores.
A iniciativa tamén pretende favorecer a chegada e asentamento de talento exterior. Neste sentido, valorarase que as vivendas estean destinadas a persoas contratadas no marco do programa Retorna Cualifica Emprego (cuxa nova edición dotada con 2,3 millóns de euros xa ten o prazo aberto) ou a beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). Trátase, en definitiva, de vencellar o traballó ás condicións materiais necesarias para que esas persoas poidan establecerse de forma estable e botar raíces nos territorios que as acollen.
Requisitos e valoración
A orde estrutúrase en dúas liñas. Por unha banda, a destinada tanto ás empresas como ás persoas físicas ou xurídicas que se comprometan con elas a destinar as vivendas que rehabiliten ás súas persoas traballadoras, dotada con 750.000 euros. Por outra, a dirixida aos concellos que tamén subscriban coas empresas o oportuno instrumento xurídico, con outros 750.000 euros. Do montante total de 1,5 millóns de euros, 600.000 corresponden á presente anualidade e os restantes 900.000 euros á de 2027.
As axudas poderán destinarse tanto á rehabilitación de vivendas unifamiliares como de edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario. Inclúese como subvencionable a terminación e/ou ampliación dos inmobles e as obras de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade ou eficiencia enerxética, e mesmo actuacións preparatorias como informes técnicos ou gastos de tramitación. A maiores da axuda para a rehabilitación, os interesados poderán solicitar a contratación do seguro de impago do alugamento ou cesión de uso.
En canto ás axudas máximas, no caso de que se rehabilite unha vivenda unifamiliar a contía poderá alcanzar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso se poidan superar os 50.000 euros por vivenda rehabilitada no caso da liña de empresas e persoas físicas ou xurídicas, e de 75.000 euros se o solicitante é un Concello. Nos edificios residenciais, a contía poderá alcanzar tamén ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso se poidan superar os 30.000 euros por cada unha das vivendas que formen parte do inmoble, nin a cantidade conxunta para todo o inmoble de 300.000 euros. Isto é, pódese cubrir ata un máximo de 10 axudas neste caso.
Á hora de puntuar as solicitudes, e máis alá da mencionada valoración das persoas beneficiarias do Retorna Cualifica Emprego e das BEME como destinatarias finais, teranse en conta outras cuestións como que as vivendas sexan para traballadores de sectores estratéxicos para Galicia, como automoción, naval, metalmecánico, téxtil-moda, TIC e industrias culturais, así como as actividades agroalimentarias, pesqueiras, forestais ou de coidados de maiores, pola súa contribución ao desenvolvemento económico, a cohesión territorial e a fixación de poboación. A priorización destes sectores responde ao mapa produtivo de Galicia e á necesidade de garantir a dispoñibilidade de man de obra cualificada alí onde os proxectos empresariais o requiren, evitando que a vivenda se converta nun freo ao crecemento das empresas e á creación de emprego estable.
A maiores, avaliarase a distancia entre os inmobles e os centros de traballo correspondentes -non podendo acollerse á axuda os situados a máis de 15 quilómetros-, a poboación do municipio e a súa evolución demográfica nos últimos dez anos -así como que a vivenda se sitúe nunha área Rexurbe- ou as condicións de sostibilidade da rehabilitación. Desta forma, o programa atende ás necesidades inmediatas de aloxamento, ó tempo que aposta por un modelo de rehabilitación responsable.
Compromiso coa empregabilidade e co acceso á vivenda
A nova orde permite avanzar na cobertura de vacantes por parte do tecido produtivo proporcionándolles ás persoas traballadoras o acceso á vivenda imprescindible para que poidan aceptar un emprego e establecerse con todas as garantías, tanto á forza laboral interna como á exterior necesaria para seguir avanzando no encaixe de oferta e demanda que redunde no desenvolvemento económico.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
IMPUESTOS SOBRE VIVIENDA
El bum inmobiliario en Ourense deja tras de sí una recaudación récord de impuestos
ESPIRAL INFLACIONISTA
Ourense, entre las provincias más castigadas por la inflación
VUELCO EN EL SECTOR PÚBLICO
Más de 3.600 trabajadores públicos de Ourense, en vilo por su puesto
Lo último
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Periodistas incómodos
Xavier Castro
A MESA Y MANTELES
Emilia Pardo Bazán y la comensalía
Mariluz Villar
MUJERES
Sobre fantasmas
NUEVO SERVICIO
Bizum permitirá el pago en los comercios desde el lunes