Guillermo Álvarez e a torre do fantasma

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Nacido en Cortegada, con 18 anos viaxou a Bos Aires para traballar na construción. Fíxose arquitecto, deseñou o balneario da súa vila natal e nun dos seus edificios do barrio da Boca aniña un fantasma que alimenta a memoria do turismo da capital

O edificio modernista -hoxe restaurante- substituíu a un vello pendello situado a carón do río, antes do encoro de Frieira.
O edificio modernista -hoxe restaurante- substituíu a un vello pendello situado a carón do río, antes do encoro de Frieira. | La Región

Non hai moitos lugares na provincia de Ourense do tamaño de Cortegada que atesouren unha ristra de nomes e apelidos que gozasen de tanto prestixio profesional a nivel nacional e incluso internacional.

Dende o agustino Diego Fermín de Vergara, a quen destacan Jesús de Juana e Julio Prada no libro “Apuntes históricos de Cortegada de Baños” como arcebispo de Bogotá, ata a especialista en literatura portuguesa, Montserrat Villar, pasando polo farmacéutico, político e xornalista, José Ojea ou aqueloutro da Transición que chegou a ministro de Educación, Otero Novas, ningún destes apelativos é comparable para Cortegada, sen embargo, coma o apelido Álvarez, que dun xeito ou doutro impregna todo canto ten que ver coa evolución da vila dende o século XIX ata a actualidade.

Un apelido Álvarez que portaba con el o humilde carpinteiro Manuel Álvarez Vergara que, coma tantos, un día sentiu a necesidade vital de mellorar e, tamén coma tantos, decidiu perderlle o medo ó mar e alá por 1885 dar o salto ata a engaiolante cidade de Bos Aires a onde marchou na compaña dos seus fillos Guillermo, Alfredo e Emilio coa idea de procurar un futuro máis atractivo, xa fose na construción ou no que xurdise.

E o que xurdiu foi poñerse “mans á obra” na emerxente capital.

Sen embargo, as inquedanzas de Guillermo e de Alfredo albiscaron novos horizontes e mentres o pai e Emilio -vítima dun grave accidente laboral- decidiron regresar a Cortegada en 1900 xa cunha pequena fortuna atesourada, Guillermo e Alfredo asentáronse con base firme na cidade do Prata.

Os dous fixéronse arquitectos e mentres Alfredo tomou a xeira das finanzas e da empresa (foi presidente do Centro Galego, presidente do Consello de Administración do Banco Español do Río da Prata, socio da Azucareira Arxentina, etc.), Guillermo comezou a explorar a incorporación de singulares formas e detalles artísticos nos edificios que foi deseñando e que o converteron nun dos principais referentes urbanos do modernismo bonaerense, ata o punto de que aínda é hoxe que aparece en moitos lugares erradamente citado coma de orixe catalán.

Da súa habelencia creativa xurdiron edificios coma o da embaixada de España en Bos Aires, unha ampla colección de predios para vivendas repartidos polos barrios máis comerciais da cidade, varios hoteis, etc. E, sobre todos eles, un que aínda hoxe é coñecido como “A torre do fantasma” e que describiremos a continuación.

E, como bos ourensáns que non esquecen as súas raíces, tanto o pai e o irmán máis novo, cando regresaron, coma Guillermo e Emilio decidiron que os seus veciños de Cortegada tiñan que ter as mesmas oportunidades ca un veciño calquera de Bos Aires e, valéndose -no caso de Guillermo- da amizade co gran cacique do momento Gabino de Bugallal, dotaron a Cortegada de escolas, vivendas para os mestres, edificio para o xulgado e para o Concello, apertura de estradas, correos telégrafos e máis.

Tanto Guillermo como Alfredo morreron en Bos Aires (os restos de Guillermo foron traídos para Cortegada), pero tampouco nese momento se esqueceron dos seus.

Guillermo deixou 100 mil pesetas para os “pobres”, 150 mil para a casa do Concello e un proxecto deseñado para levantar un novo balneario que uns anos despois fixeron realidade a súa irmá Isolina e o marido desta, o médico Juan Álvarez Puga, que, con nove fillos e fillas multiplicaron o apelido Álvarez dun xeito exponencial.

A millonaria María Luísa, a fermosa Clementina e a xornalista que fotografou os trasnos da torre

Os trasnos, obsesionados coa beleza de Clementina, causaron o seu suicidio.
Os trasnos, obsesionados coa beleza de Clementina, causaron o seu suicidio. | La Región

Tanto pola singularidade arquitectónica que lle outorga a torre que, a modo de torre de xadrez, preside este emblemático edificio, como pola enigmática historia que garda no interior, aínda hoxe mantén vixente o nome do mentor no barrio de Boca da cosmopolita cidade bonaerense.

O edificio foille encargado a Guimermo Álvarez -se cadra pola súa identificación co modernismo- por unha multimillonaria de orixe catalá chamada María Luísa Auvert Aurnaud, co fin de vendelo logo para vivendas particulares.

Sen embargo, ó velo rematado e testemuñar a vistosidade que lle aportaba ó barrio, María Luísa decidiu mudarse a el e mandou levar dende Cataluña plantas e flores para os balcóns co fin de facer aínda máis atractivo o conxunto.

O resultado foi que o edificio pasou a ser un punto de encontro para a bohemia bonaerense e foron varios os artistas e escritores que decidiron ir vivir para alí. Entre elas, unha fermosísima pintora de nome Clementina, que alugou o ático da torre, onde organizaba encontros e veladas nocturnas que se fixeron famosas entre o artisteo porteño.

María Luísa vivía alí rodeada do servizo doméstico, un loro e un can. Pero, polas noites comezaron a escoitaren ruídos estraños e a apareceren obxectos cambiados de lugar que a empezaron a inquietar, polo que decidiu desaparecer con sixilo e volver para a residencia habitual das aforas, mentres Clementina e o resto dos inquilinos continuaron celebrando alí uns “saraos” que reclamaron a atención de Eleonora, unha xornalista que foi entrevistala e fotografou os últimos cadros nos que estaba a traballar.

A partir dese momento, os trasnos dos que fuxira María Luísa comezaron a obsesionarse con Clementina e finalmente provocaron o seu suicidio chimpándose dende o alto da torre ó baleiro.

O suceso conmocionou á bohemia parroquia de Boca e cando Eleonora revelou as fotos descubriu que nelas aparecían “tres abominables duendes”, polo que quixo saber máis e entrevistou a María Luísa, quen lle desvelou que as plantas que adornaban os balcóns eran cogomelos alucinóxenos dos Pirineos cataláns.

Dende aquela, os arxentinos, tan dados a retórica e á elocuencia, aínda hoxe identifican o edificio como a “Torre do fantasma” e disque, de cando en vez, aínda asoman os trasnos polo lugar

Contenido patrocinado

stats