Monterrei, Riós, Leiro e Paderne terán polígonos agroforestais

A Xunta de Galicia declara de utilidade pública e de interese social catro polígonos na provincia

Os polígonos agroforestais de Barzamedelle (Leiro), Vences (Monterrei), Solbeira (Paderne de Allariz), San Pedro de Pousada (Riós), Vilalén-Tomonde (Cerdedo-Cotobade) e Mandelos (Crecente) decláranse de utilidade pública e de interese social. Así o decretou a Consellería do Medio Rural a través do Diario Oficial de Galicia onte para poñer en valor unha superficie total de case 420 hectáreas.

Deste xeito elévanse a seis o número de polígonos de iniciativa pública declarados na provincia de Ourense ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto cos de Oímbra e Cualedro iniciados o ano pasado que actualmente se atopan na fase de redacción do proxecto básico.

Agora iniciarase a redacción do proxecto básico de cada un dos polígonos. Seguidamente, iniciarase a investigación do proxecto básico de cada un dos polñigonos e, tras isto, a investigación da titularidade das fincas e os traballos de reestruturación da propiedade nas distintas áreas. Desta forma poderase avanzar no obxectivo prioritario de poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización.

Concretamente na provincia, o polígono de Leiro recuperará unha superficie de 145,6 hectáreas establecendo como usos principais os cultivos leñosos, de ciclo curto e sistemas agroforestais. No de Monterrei apostarase polos cultivos leñosos nunha superficie de 22,44 hectáreas, mentres que no polígono de Paderne de Allariz se orientará o seu uso á gandaría nunha extensión de 43,36 hectáreas. No que se refire ao polígono agroforestal de Riós, terá unha superficie de 93,89 hectáreas que estarán centradas na plantación de castiñeiros.

Contenido patrocinado

stats