Un neno labrego que chegou a cumprir o seu soño con 90 anos

REPORTAXE

José Pérez aprendeu a tocar a zanfona logo de nove décadas, un instrumento co que está máis cerca da súa vocación de ser músico

José Pérez coa súa zanfona nunha das clases da Escola de Gaitas da Deputación

Din que nunca é tarde para cumprir os soños e aínda que iso poida parecer unha falacia, as veces, convértese en realidade. José Pérez naceu en Sober hai 91 anos e dende moi cedo soubo cal era a súa vocación: “Con 12 anos quixen ser músico”, porén a vida levouno por outros camiños. Con todo, esa inquietude sempre quedou na súa memoria.

“Cando un ten moitos anos, a infancia recórdase moito”, asegura Pérez. Neste senso, hai algo menos de dous anos, comezou a buscar un luthier para que lle fabricase unha zanfona, un instrumento que estivo moi presente na súa infancia. “Cando era pequeno, vin tocar a zanfona, en feiras, festas e outros eventos, sempre me chamou a atención”, lembra agora coa súa propia zanfona apoiada no regazo.

Cando lle entregaron o seu instrumento, preguntou con ilusión onde podía aprender a tocalo. Foi entón cando o puxeron en contacto con Manuel Garrido, profesor na Escola de Gaitas da Deputación. “Chamoume dicindo que quería aprender a tocar a zanfona”, conta o seu mestre, quen destaca con humor un detalle que o fixo reflexionar antes de acceder a darlle clases: “Díxome que tiña que aprender rápido, porque tiña 90 anos e igual non lle quedaba moito tempo”. Garrido aceptou o desafío que lle propuxo José e recibiuno como alumno. “O que vin foi un reto profesional marabilloso”, indica.

“Chamoume dicindo que quería aprender a tocar a zanfona, pero que tiña que ser rápido porque tiña 90 anos”

No seu primeiro curso, José conseguiu dominar o instrumento. “De seguida me din conta que tiña moita habilidade, que tiña unha disposición natural cara a música”, asegura Garrido. Esa mañá para tocar a zanfona levouno a actuar como solista no concerto de Ourencanto, apenas uns meses despois das súas primeiras clases. “Ao principio opúxenme a actuar, porque sentía que era demasiada exposición, pero o señor Garrido, o profesor, acaboume convencendo”, celebra agora José Pérez, que lembra ese día como “un éxito impensable” na súa vida.

Este mes de outubro, José iniciou o seu segundo curso na escola de música. “Ten moi claro o que quere”, resalta o seu mestre, porén a José gústalle facer as cousas moi ben e por iso insiste que aínda lle queda moito por aprender. “Teño que practicar máis porque coa idade é máis complicado aprender de memoria as cancións”, apunta.

Máis aló do que poida chegar a aprender, José xa ten a satisfacción de ter cumprido un soño que tiña de pequeno, unha etapa da súa vida que mantén agora máis viva ca nunca grazas a este instrumento. “A zanfona ten un sonido moi parecido ao carro dos labregos, era o vehículo que había, o que levaba a colleita para a casa e a herba para o gando, cando a toco lembro eses momentos que vivín moi de cerca cando era novo”.

Contenido patrocinado

stats