Alba Fernández: “Temos un problema a nivel político, a cultura está totalmente desvalorizada”

Publicado: 11 jun 2021 - 05:25 Actualizado: 12 jun 2021 - 14:16

Alba Fernández: “Temos un problema a nivel político, a cultura está totalmente desvalorizada”

Co minimalismo e a sensibilidade que a caracteriza, Alba Fernández quixo captar non só o rostro de Florentino Lopez Cuevillas senón reflectir a importancia que tivo o seu traballo en prol da identidade de Galicia, aportando luz onde había moita escuridade.

Coma recibiu a proposta de debuxar a López Cuevillas?

A verdade é que foi unha motivación e unha ilusión moi grande. Realmente coñecía un pouco del desde facía tempo porque é un personaxe moi importante, pero non ata o punto de sorprenderme coma me sorprendeu cando me puxen a investigar un pouquiño sobre el. Pareceume incrible a grandísima labor de investigación que fixo durante toda a súa vida, o seu traballo como antropólogo, historiador e prehistoriador fixo que recuperásemos a nosa identidade de Galicia, deunos luz dentro de toda esa sombra que había naquel momento. Había moitísimas cousas que non se coñecían, cousas que hoxe sabemos do mundo castrexo, da romanización, do megalitismo e debémosllo en parte a Cuevillas.

Cuevillas, igual ca Castelao coa medicina, nunca exerceu a carreira que estudou, farmacia, o que foi unha sorte para Galicia porque el axudou a sentar as bases para estudar as nosas orixes.

Eu creo que eso ven en gran parte pola valoración que fixeron deste lugar do mundo e polo amor que lle tiñan. Todos eles en xeral tiñan moitísimas inquedanzas e moitísima curiosidade por moitos ámbitos. Adicáronse ao mellor máis a unhas facetas ca outras pero todos debuxaban, todos escribían… Hoxe parece que estamos moi especializados en todo pero eles abarcaban moitas áreas. De feito Florentino tamén escribía e facíao a nivel literario. Ten unha extensa obra, artículos que escribiu que creo son moi interesantes e sen dúbida paga a pena coñecer esa faceta.

A relación entre López Cuevillas, Risco e Otero Pedrayo, ven xa da súa infancia na cidade de Ourense. Como cre que influiu nel esa amizade?

Eu creo que pasou unha cousa moi fermosa. Entre eles motivábanse, aprendían uns dos outros e o feito de que fosen amigos e que todos tiveran tantas inquedanzas culturais e tanta paixón por aprender e desenvolver facetas creativas, artísticas, científicas creo que facía que se axudasen tamén a mellorar entre eles.

Falemos da lámina, como decidiu plantexala?

Falando un pouco de que Florentino López Cuevillas tróuxonos luz dentro dese descoñecemento ou escuridade que había naquel momento, coas súas investigacións científicas e o gran traballo que fixo durante toda a súa vida, quixen reflectir non soamente o rostro, que tamén, pero si esa labor de darnos identidade. Dalgunha maneira as manchas que aparecen na lámina, feitas en tinta china, son case negras e reflicten esa prehistoria oculta á que el lle deu luz, unha luz que eu trato de amosar coa cor branca. É unha técnica mixta, quixen facer tamén referencia, un guiño, aos debuxos que el facía, debuxos moi minuciosos no traballo de campo, dos castros, das pezas arqueolóxicas que ía anotando... Mesmo lle colguei uns prismáticos en referencia aos instrumentos que empregaba. Trato sempre, cos mínimos recursos, captar a maior expresividade. Hai pouquiñas fotos de Florentino pero tratei de captar a súa pose, a vestimenta… No tema do rostro en particular fixen varios bocetos porque resultábame bastante complicado para o meu estilo. Está feito cun pincel moi finiño, con moitísimo detalle. Tamén empreguei o collage, unha técnica que ven da arquitectura, da miña época cando facía maquetas.

Naquel momento Galicia precisaba do que supuxo Nós, pensa que hoxe necesitariamos de novo un rexurdir da Xeración Nós?

Hai moita xente con moitísimas inquedanzas, que fan cousas moi interesantes, persoas moi creativa en todos os ámbitos pero temos un problema quizáis máis a nivel político e nestes momentos a cultura está totalmente desvalorizada. Parece que se trata coma unha cuestión económica pero a cultura é algo que vai máis aló, danos alento, danos vida. A educación e a cultura son absolutamente necesarias, e moitas veces incluso en momentos difíciles polos que todos pasamos algunha vez na nosa vida, a cultura e as artes en xeral parece que nos dan ese remanso de paz, ese alento que tanto necesitamos.

Contenido patrocinado

stats