XORNADA TRANSFRONTEIRIZA
O futuro dos pastos e do rural, a análise entre Cualedro e Montalegre
CONCELLEIROS DO FUTURO
O salón de plenos do Concello de Cualedro mudou este mércores a rutina habitual pola enerxía e a ilusión dos máis pequenos. Unha vintena de nenos de entre 4 e 11 anos, participantes na ludoteca de verán e procedentes de distintas aldeas, protagonizaron o primeiro pleno infantil da localidade. Da man do alcalde, Luciano Rivero, e acompañados polas súas monitoras, os pequenos descubriron os segredos do traballo municipal antes de expoñer os seus propios rogos e preguntas, facéndoos partícipes do proceso democrático.
Ao igual que os adultos, os cativos reclamaron primeiro sobre cuestións que lles afectan de cheo, como son os parques infantís. Así, Mauro e Gael solicitaron amañar o que está ao carón do colexio e substituír os bancos de pedra porque “nos mancamos”. As solicitudes de mantemento fóronse estendendo: Aitana pediu arranxar o “columpio verde” en Santa Baia, mentres Claudia reclamou reparar o parque da Xironda porque está “todo roto”.
Pero co paso dos minutos a rapazada puxo o foco en cuestións que interpelan ás súas familias e ao resto da veciñanza cualedresa. Thiago alertou do estado dalgúns bordillos porque “a xente cae”, e Xavi propuxo a construción dun pavillón para poder xogar dentro e celebrar o Entroido ou a Festa da Cachena “nos días que chova”.
Malia a súa curta idade, a mocidade demostrou ser moi consciente dos problemas que afectan ao medio rural no que viven. Diego, veciño de Carzoá que quere ser gandeiro e agricultor, chamou a “reforestar os montes con árbores autóctonas, previr os incendios e arranxar camiños”. Pola súa banda, Julia avogou por atraer “máis xente e tendas”. O alcalde, que tomou boa nota de todo, abordou ambas cuestións e explicoulles as medidas que dende o Concello levan feito na loita contra o lume e co fin de sumar poboación.
Tras votar e aprobar por unanimidade tódalas propostas, os pequenos concelleiros recibiron a acta, un agasallo e un diploma acreditativo, ademais da certeza de que as súas voces tamén contan no futuro da súa vila.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
XORNADA TRANSFRONTEIRIZA
O futuro dos pastos e do rural, a análise entre Cualedro e Montalegre
CONCELLEIROS DO FUTURO
Os pequenos de Cualedro toman a palabra no seu primeiro pleno
Lo último
RESCATE EN HELICÓPTERO
Acaba herida tras caer por un acantilado mientras hacía una fotografía en Ribadeo