Sonia Torre
UN CAFÉ SOLO
Sacrificium
POLÍTICA EN OURENSE
Las pernoctaciones en Orense han vuelto a subir en julio de 2026”, celebrou Gonzalo Pérez Jácome nas súas redes, antes de engadir que se conseguiu sen “gastar dinero en la trapallada de Fitur”. Que aumenten as estadías é unha boa nova, pero de ningún xeito habilita relacionar o incremento coa ausencia do Concello na principal feira do sector en Madrid. En avaliación de políticas públicas, un resultado só pode atribuírse a unha actuación cando existe unha relación demostrable. Non acudir ao devandito evento pode ser unha decisión acaída se o custo supera o retorno ou se existen alternativas máis eficaces. O aumento turístico non o proba. Ademais, Ourense si foi promocionada en Fitur. A Deputación levou unha programación específica, Expourense presentou Termatalia e Xantar, e a Xunta participou na promoción do destino. Quen decidiu non acudir foi o alcalde.
O turismo ourensán medra nun contexto favorable que ofrece explicacións bastante máis consistentes que o baleiro do rexedor
O turismo ourensán medra nun contexto favorable que ofrece explicacións bastante máis consistentes que o baleiro do rexedor. España mantén cifras históricas de afluencia turística e Galicia participa desta tendencia. Ourense conta tamén cun cambio decisivo na súa accesibilidade desde a chegada do AVE, que facilitou as estadas curtas e favoreceu a desestacionalización. A iniciativa privada ampliou a oferta de aloxamento, pero non grazas a un incremento substantivo da oferta de hoteis. A cidade pasou de 1.071 prazas hoteleiras en 2019 a 1.115 en 2025, só 44 máis en seis anos. O cambio produciuse sobre todo nas vivendas de uso turístico, inmobles destinados a arrendamentos de curta duración. A evolución xeral da demanda, o ferrocarril e este novo segmento permiten explicar parte do crecemento. Falta identificar que actuación concreta do executivo local contribuíu a producilo.
O número de visitantes tampouco permite medir o rendemento turístico en Ourense. Cumpriría coñecer a duración das estadías, o gasto, que sectores se benefician, o emprego xerado e os custos que a meirande afluencia de turistas impón aos servizos públicos. Mark H. Moore, quen acuñou o concepto de “valor público”, central na xestión estratéxica dun goberno, propón avaliar a acción das administracións pola súa capacidade para empregar recursos e competencias en beneficio da comunidade. No caso do turismo, iso implica reforzar a actividade económica, conservar o patrimonio, desenvolver unha oferta diferenciada e compatibilizar a comodidade e benestar de visitantes e residentes. O Concello non ofrece análise algunha que permita coñecer suficientemente estes efectos. Aumenta a actividade turística, pero non sabemos canto valor deixa na cidade, onde queda, como se distribúe e se realmente nos sae a conta.
O termalismo permite avaliar mellor a achega municipal, xa que constitúe unha das nosas principais singularidades e o groso das instalacións e a súa ordenación dependen da administración pública. As Burgas permanecen pechadas desde 2020. A Chavasqueira, destruída pouco antes da chegada de Democracia Ourensana á alcaldía, tardou seis anos en volver funcionar. A Casa de Baños de Outeiro, propiedade municipal e historicamente fito local das augas termais, permaneceu abandonada, sufriu un incendio en maio e foi parcialmente derrubada hai uns días. En van, o Plan Rexurbe prevía recuperar o seu uso termal e rehabilitar a edificación. Estes casos afectan directamente ao produto co que a cidade pretende diferenciarse. Desde 2019 acumúlanse instalacións inactivas, recuperacións demoradas e recursos públicos sen desenvolver o seu potencial.
A maior afluencia de visitantes sobrevén nunha cidade con importantes carencias e eivas urbanas. Segundo datos da Concellería de Urbanismo, no Casco Vello hai 631 edificios en estado deficiente, malo ou ruinoso, o 60 % das construcións, fronte a só seis en rehabilitación. Pola súa banda, a vivenda presenta unha oferta cada vez máis limitada: en abril tan só había uns 200 pisos anunciados para aluguer e a oferta por habitacións medrou un 51 % nun ano. Cada inmoble destinado a uso turístico reduce aínda máis o parque residencial dispoñible, nun concello sen política de vivenda nin ordenación específica desta actividade. A eses problemas súmanse os déficits en aparcadoiro, circulación, transporte público, limpeza e mantemento urbano. Un incremento de usuarios sen servizos ben dimensionados engade presión sobre infraestruturas que xa resultan insuficientes para atender o cotiá da veciñanza.
Como en moitos outros eidos, non ter un modelo turístico é a opción de Democracia Ourensana. Sen criterios sobre aloxamento, vivenda, usos do Casco Vello, mobilidade, patrimonio ou servizos, son a demanda e os operadores privados quen acaban determinando como evoluciona o sector. O Concello renuncia así a ordenar onde se concentra a actividade, como se reparten os beneficios, que custos ocasiona e que medidas permiten compatibilizala coas necesidades dos residentes. A discusión sobre Fitur resulta secundaria. Un goberno pode decidir non gastar nunha feira, pero debe establecer alternativas, obxectivos e instrumentos, avaliar os resultados e actuar onde o mercado é incapaz de resolver problemas colectivos. Esa é precisamente a función dunha política pública. Tras sete anos á fronte do Concello, o turismo medra por múltiples factores. O que segue sen identificarse é o valor engadido do rumbo de Pérez Jácome.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Sonia Torre
UN CAFÉ SOLO
Sacrificium
Daniel Montero
SUEÑOS DE OLIMPIA
No al Mundial 2030, y menos con Marruecos
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Mark Ritchie e a morriña das ondas
Clara Vázquez Maldonado
DIARIO LEGAL
Desde el 5 de octubre las empresas deben dar más información sobre las condiciones de trabajo
Lo último
CENTRALES REVERSIBLES
Trece proyectos pugnan por crear megabaterías en los ríos de Ourense
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, lunes 19 de octubre?