Vilar de Perdizes, en Montalegre, celebra 40 anos de medicina e saber popular
EDICIÓN ESPECIAL
O Congresso de Medicina Popular, evento creado polo mítico Padre Fontes, volve unir o sagrado e o profano, con ponencias e entretemento
A freguesía portuguesa de Vilar de Perdizes (Montalegre), que fai fronteira cos concellos de Cualedro e Oímbra, xa ten todo listo para acoller a 40º edición do seu histórico Congresso de Medicina Popular. Dende este venres 28 ata o domingo 30, esta pequena aldea da Raia converterase de novo no epicentro dos saberes ancestrais, as terapias naturais, a espiritualidade e a cultura tradicional.
O evento, que celebra catro décadas baixo o lema “Uma tradição de cura”, naceu no 1983 impulsado por António Lourenço Fontes, máis coñecido como Padre Fontes, un párroco católico pero tamén escritor, xornalista, etnógrafo e fotógrafo, moi vencellado á nosa provincia e a Galicia. A cita combinará un ano máis a posta en valor do patrimonio e do coñecemento inmaterial coa divulgación e o lecer.
A programación arrancará o venres pola tarde coa apertura dos postos e un acto inaugural no que intervirán, entre outros, o propio Padre Fontes e a presidenta da Câmara Municipal de Montalegre, Fátima Fernandes, seguido da proxección de audiovisuais, debates sobre a historia do Congresso e a música dos Gaiteiros de Pitões. O sábado, a xornada comezará cun almorzo comunitario no Forno do Povo con pan recén feito e mel da terra, dando paso á apertura de exposicións e a obradoiros sobre remedios da botica antiga ou impresión botánica.
Pola tarde abordaranse os segredos e simbolismos das plantas medicinais, coa participación de ponentes galegos como Rafael Quintía ou Pilar Silva, mentres que a noite estará dedicada ao teatro, á parapsicoloxía e á actuación do grupo Albaluna. O momento máis agardado chegará á medianoite cun espectáculo de lume e a cuadraxésima Queimada, esconxurada polo Padre Fontes, acompañado pola corte do deus Larouco, representada pola compañía Filandorra.
O domingo a cita porá o foco na gastronomía local con charlas, demostracións culinarias e degustacións da cociña do Barroso, ademais de relatorios sobre cosmética natural e unha aula de biodanza antes do acto de clausura. Durante tódalas xornadas non faltará a animación de rúa neste encontro que une ciencia, natureza e tradición galaico-portuguesa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar