Carrie

¡BUONE VISIONI!

Carrie
Carrie

O 2026 foi un ano moi bo polo cinema de terror. Houbo títulos como “Hokum” do cineasta irlandés Damian McCarthy, “Backrooms” de Kane Parsons, “Obsesión”, o debut de Curry Barker, “28 años después: El templo de los huesos” de Nia DaCosta, “El final de Oak Street” de David Robert Mitchell ou “Resident Evil” de Zack Cregger, entre outros. A este puñado de películas – algunha mellor que outra – habería que engadir a serie “Carrie” de Mike Flanagan, estreada recentemente en Amazon Prime Video.

Case 50 anos despois de que Stephen King publicara a súa primeira novela, “Carrie”, e de que Brian De Palma a convertese dous anos despois na súa primeira longametraxe de éxito, chega a adaptación televisiva do libro. O creador Mike Flanagan xa colaborara con King para “El juego de Gerard” (2017), “Doctor Sueño” (2019) e “La vida de Chuck” (2024), e acabou convencendo o autor tamén para ser produtor executivo deste remake para plataforma dixital. “Carrie” conta con 8 episodios arredor de 50 minutos cada un. Hai unha reescritura bastante importante da historia orixinal pero sen perder a súa esencia. É unha readaptación parecida ao que fixo Anthony Michael Hall con “La zona muerta”, outra novela de Stephen King e que levou anteriormente ao cinema David Cronenberg no 1983.

A serie é unha clara homenaxe repectuosa ao texto de King, pero aporta importantes modificacións, ambientando por exemplo a historia na contemporaneidade. A Carrie de Flanagan é unha moza curiosa, sempre marcada polo maltrato familiar e a educación relixiosa, pero que mantén unha relación máis complexa e retorcida coa súa nai. Carrie non é simplemente unha vítima que se converte en mostro, é unha adolescente moi sensible que non consegue encaixar co mundo arredor dela.

Outro dos cambios máis evidentes aportado polo creador á serie é o retrato do acoso escolar - algo moi diferente con respecto ao que sufrían os adolescentes nos anos setenta. Agora as redes sociais irrompen na historia provocando fracturas xeracionais, entre adultos e fillos, profesorado e alumnado. O ciberacoso, así como os simulacros de ataques nas escolas, son preocupacións contemporáneas que Flanagan incorpora á serie para falar sobre unha xeración que se enfronta a formas de violencia e illamento diferentes.

Ademais o formato serial tamén permite a Flanagan de expandir outros temas que na novela eran só suxeridos, por exemplo a existencia doutros individuos con poderes de telequinesis. “Carrie” non renuncia a chiscadelas á Brian de Palma – o cinema que arde mentres anuncia a retrospectiva en 35 mm das súas obras é só un exemplo – e inclúe outras obsesións de Stephen King relacionadas coa telecinese.

Boa parte da forza deste serie está concentrada na mirada da protagonista, magnificamente interpretada por Summer H. Howell. Ao mesmo tempo – quizais polo feito de contar cun equipo de dirección composto por mulleres - os planos evitan a hipersexualización típica das series protagonizadas por adolescentes – véxase a última tempada de “Euphoria”, só por citar un exemplo recente de misoxinia e sexualización.

Quizais os seus puntos máis débiles sexan o estiramento da trama e que, xa cara o final, engádense elementos de ficción que parecen máis propios dunha serie de superheroes. O último capítulo deixa aberta a posibilidade de que haberá outras tempadas. Isto responde a unha lóxica moi contemporánea: a sobrexplotación ata límites impensables de obras que funcionan. Polo carácter implícito destas operacións de mercado, sabemos por adiantado que no 95% dos casos, narrativamente e creativamente, estas series deixaran pronto de funcionar. Isto é o único horror, triste e real, que non habería que celebrar nun Samaín de “buone visioni”.

Recorten - “Mocos verdes” estréase en Youtube

Para celebrar o Samaín, “Mocos verdes”, a curtametraxe de ficción inspirada en “Los cazafantasmas” e producida por O Faidado Producións de Maceda, estrease esta semana na canle de Youtube da produtora. A película, unha comedia con elementos fantásticos e de terror, foi creada por Jose Juan Pérez, Roberto Cid e Alberto Outeiriño e tivo a súa estrea no Curtas Festivais do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa.

Contenido patrocinado

stats