NOVELA NEGRA GALEGA
Diego Ameixeiras gaña o premio Blanco Amor con “Pistola negra”
Aniversario de Blanco Amor | Entrevista
Carlos Laíño Lorenzo (Vilardevós, 1952) non presume de ter a colección privada máis importante sobre Eduardo Blanco Amor. "Podería? Si. Pero non quero, o sitio no que ten que estar todo é en Ourense. Teño feito artigos, exposicións, conferencias... Pero nesta gran exposición tiña moito interese, coma esta non hai ningunha", explica sobre a mostra "Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor" que se inaugurou onte no centro cultural Marcos Valcárcel.
Nas paredes colgan os debuxos feitos polo caricaturista Siro e nas vitrinas atópase a colección bibliográfica sobre o autor de "A Esmorga". Son máis de 200 volumes que dende agora deixan a casa de Laíño para exhibirse á sociedade ourensá. Ademais, cando remate a exposición, doará os fondos á Fundación Eduardo Blanco Amor. Laíño, que foi esudante normalista, mestre de nenos e profesor de música, séntese "ourensanista" polo seu Vilardevós natal, aínda que aos dous años xa marchou para A Coruña.
Sen dúbida, a súa conexión máis ourensá é Eduardo Blanco Amor, o escritor que se convertiu en amigo. O propio Blanco Amor bautizouno como "arquiveiro maior" da súa obra. "Carliños", chamábao en cada correspondencia enviada dende calquera parte do mundo.
Como coñeceu a Eduardo Blanco Amor?
A primeira vez foi en xaneiro de 1972, cando el pronuncia unha conferencia sobre oratoria no Colexio de Avogados de A Coruña. Eu era estudante normalista, coñecía a obra e interesábame quedar con el. Ao día seguinte citámonos na cafetería do hotel, e ata hoxe. Estes últimos anos sen a súa presenza, pero sempre presente na miña vida. Hai persoas que te marcan moito e unha delas foi Eduardo.
Admiraba a súa obra. Que lle atrapou da súa persoa para, nun momento, converterse no “recompilador" do seu legado?
O máis coñecido daquela era "A Esmorga". O resto escríbeo máis tarde. "Los miedos" xa o tiña escrito. Cando eu o coñezo na cafetería daquel hotel teño acceso a algo máis ca un escritor, a un home. Con todo o que leva de tristeza, de inseguridade, de alegría por ser creador… Coñezo ao Eduardo home e iso é o que che atrapa. Ver o que lle está pasando de soidade, de non ser comprendido… Tiña unha personalidade desbordante. Era un gran conversador. Arte, literatura, política...Era unha delicia falar con el de calquera tema. A min engaioloume, ademais eu que era un mozo de 19 anos.
Como empeza a construír ese arquivo sobre o escritor?
O primeiro foron os artigos en prensa. Cando nos encontramos noutra ocasión, lévollos. E despois atrapoume a obra e funa buscando con moita dificultade. Aínda hai obras que hoxe non se atopan nin en Internet. Coa obra que teño unha espiña cravada e aínda non atopei unha primeira edición é con "Poema en catro tempos ". En cincuenta anos, non atopei unha primeira edición do 31. E esa obra é do mellor que ten Blanco Amor.
Que ten de inédito Blanco Amor?
Moitas cousas. Para bibliófilos, non sei... Pero nesta exposición está todo o que publicou e todo o que se publicou sobre el. Hai libros que son descoñecidísimos.
Tamén hai obxectos...
Hai unha cámara que utilizou Blanco Amor. As fotos que lle fixo a Lorca tan coñecidas non están feitas con esta cámara, descubrino porque revisando os negativos, as de Lorca non foron feitas con 35 milímetros.
Precisamente quérese recuperar a faceta do Blanco Amor fotógrafo. Que lle parece?
Hai cousas da foto de Eduardo aínda non recollidas, pero hai tamén outras máis importantes para recuperar. A correspondencia de Eduardo está sen publicar, todos os traballos de oratoria, a poesía en español… O Concello de Oleiros publicou un volume pero nunha edición non venal. Hai cantidade de cousas descoñecidas aínda no mundo de Eduardo e interesantes por recuperar.
A súa novela “La catedral y el niño" tense reivindicado como unha das obras en prosa española máis importantes do século XX. Tamén escribiu “Los miedos". Blanco Amor foi recoñecido fóra das nosas fronteiras?
Non. Porque "La catedral y el niño", editada por Rueda en Bos Aires, chega aquí bastante tarde. Cando a publica Losada empeza a ser coñecida. Eduardo retoca a novela para publicala en España, porque aquela era para un público de alá. E con "Los miedos", unha novela de intriga, sábese que el tiña moita ilusión nela. Quizais na que máis. El mesmo di que era a súa mellor novela. Tachárona de procaz pola masturbación dun personaxe e por outras cousas. Queda de finalista pero a mala man de Castroviejo, que a denuncia, impide que gañe eses premios. Deixáronlla vender, pero non lle deixaron expoñela nos escaparates.
Foi un escritor maltratado.
É case imposible, quizais agás a poesía, que non tivera problemas con algunha obra. Tívoos co teatro, con "Xente ao lonxe", con "A Esmorga"... Foi mala sorte. Incluso o ano que lle adican as Letras galegas no 93 ten que lidar con Xacobeo 93!
Que significa Blanco Amor para Ourense?
Eduardo Blanco Amor pon a Ourense no mundo.
E Ourense, foi xusto? É xusto hoxe co seu legado?
A cultura hoxe non é rendible. Inxusto? Pois claro. Non se pode ter un escritor coa personalidade de Eduardo agochado, non reivindicado. Está aí, como está o Miño. A cidade tiña que reivindicar máis a figura. Imaxino que agora con isto de que a Deputación de Ourense e a Fundación Blanco Amor están en Ourense, vai cambiar a cousa. É o que hai e contra o que temos que loitar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
NOVELA NEGRA GALEGA
Diego Ameixeiras gaña o premio Blanco Amor con “Pistola negra”
PRÓXIMO ESTRENO EN CINES
El documental “La mafia dentro” desnuda la “voracidad” de Hacienda
Lo último
SEGUNDA FEDERACIÓN
El Ourense CF no fue capaz de sumar en Llanera (2-0)
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
Una temporada feliz
DOMINIO EN LA CANCHA
Carlos Alcaraz conquista su primera Copa de Maestros tras arrollar a Zverev en Turín