Un poeta

¡BUONE VISIONI!

Publicado: 17 abr 2026 - 07:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Un poeta, a segunda longametraxe de Simón Mesa Soto, chega a España esta fin de semana por man da distribuidora Atalante. O filme cóntanos as vivencias de Óscar Restrepo, un poeta envellecido que malvive en Medellín entre borracheiras, traballos temporais e soños frustrados. A súa existencia ten un xiro inesperado o día que acepta un traballo como profesor e descubre que unha alumna adolescente, Yurlady, ten un extraordinario talento pola poesía...

Un poeta é unha dramedia, unha película amarga e divertida á vez, pero sobro todo moi humanista. Ubeimar Ríos encarna magnificamente a Óscar Restrepo, a caricatura do poeta maldito, unha personaxe que reúne o alcoholismo e a irreverencia de Bukowski, a dependencia que tiña Kerouac coa súa nai e outros trazos co boliviano Victor Hugo Viscarra, autor este último, do libro de memorias titulado Borracho estaba, pero me acuerdo. É unha realidade máis decadente e patética a que describe Simón Mesa Soto con respecto ao realismo sucio narrado por Viscarra ou Bukowski, pero estamos nas mesmas coordinadas. O filme afástase dunha imaxe idílica e idealizada do mundo literario. Retrata un underground de creadores, lecturas e premios de poesía, que sobreviven baixo unha luz sombría. Describe un círculo de egos que se retroalimenta entre si acompañado por escasos e débiles aplausos.

O uso do 16 mm evidencia aínda máis a postura ética da obra

Ao igual Un poeta é unha reflexión que remarca os confíns entre a obra de arte e a industria, entre a marxinalidade e o éxito. É unha autocrítica, feita con bastante humor e sen medo, sobre as posibilidades da autenticidade artística nun mundo que non contempla o fracaso. É un filme que describe moi ben o que pode pasar cando os soños artísticos non se compren pero hai que sobrevivir.

O uso do 16 mm evidencia aínda máis a postura ética da obra. Estéticamente é un formato completamente afastado da perfección do dixital contemporáneo. A través do 16 mm, o cineasta consegue acentuar unha imaxe sucia, debullada e irregular, pero tamén mais honesta e na liña co universo e o estado de ánimo do protagonista.

Óscar Restrepo que, segundo a súas mesmas palabras, ‘vive en unha profunda tristeza’. O home, lonxe de ser un exemplo de simpatía, busca o rescate a través do talento poético dunha adolescente humilde, debaténdose entre a esperanza e o risco de arrastrala ao seu propio fracaso. A través de xiros inesperados, e sumando aínda máis desastres - sempre aderezados cun chisco de humor negro – o protagonista irá a procura dunha renovada, auténtica, xenuína inspiración...

Un poeta gañou o Premio do Xurado en ‘Un Certain Regard’ no último Festival de Cannes ademais do premio Horizontes en San Sebastián. Non perdades esta película. Disfrutaredes da autenticidade que transmite o filme de Simón Mesa Soto a través do seu protagonista Óscar Restrepo: a historia dun poeta triste que intenta escribir un poema feliz

Contenido patrocinado

stats