Entrimo volverá ser punto de encontro da cultura da Raia

COLECTIVO ARRAIANOS

As IX Xornadas Arraianas profundizarán no concello de Entrimo nos puntos de proximidade entre Galicia e Portugal

Presentacion o ano pasado do libro de Moisés Quintas e Viqui Pérez na biblioteca de Entrimo.
Presentacion o ano pasado do libro de Moisés Quintas e Viqui Pérez na biblioteca de Entrimo. | Arraianos Producións

A cultura, a memoria e a identidade da Raia volverán ser protagonistas en Entrimo o vindeiro 8 de agosto coa celebración das IX Xornadas Arraianas, unha cita que combinará actividades divulgativas, recoñecementos institucionais e actos culturais arredor do patrimonio común galego-portugués na Porta do Xurés e na biblioteca municipal.

A gran novidade da programación, organizada polo Colectivo Arraianos, é un seminario multidisciplinar transfronteirizo dedicado á historia, á lingua e á cultura da Raia, un foro que nace grazas á colaboración directa co Consello da Cultura Galega e que reunirá a un prestixioso cadro de expertos e intelectuais de ambos os lados da fronteira galaicoportuguesa. A vontade do colectivo organizador é que este foro teña unha periodicidade anual e vaia alternando cada edición a un lado e ao outro da liña fronteiriza.

Un dos momentos centrais da xornada será a entrega dunha nova edición dos Premios Arraianos Maiores 2026, uns galardóns que dende 2009 distinguen persoas e institucións pola súa contribución á cultura e á cooperación transfronteiriza. Desta vez recaerá ex aequo no historiador Ramón Villares e na filóloga Rosario Álvarez. Segundo sinala o xornalista e documentalista Aser Álvarez, de Arraianos Producións, trátase de “dúas persoas que teñen destacado polo seu traballo derrubando fronteiras, muros e valados entre os pobos irmáns de Galicia e Portugal”. Ademais, o Consello da Cultura Galega recibirá o galardón como Entidade Arraiana, mentres que o municipio luso de Melgaço será recoñecido como Concello Arraiano.

Actividades paralelas

A programación completarase coa presentación da novela “Os fabuladores”, de José Ignacio Carnero, inspirada na toma do transatlántico Santa María/Santa Liberdade, coincidindo co 65 aniversario daquela acción liderada polo celanovés Xosé Velo. Ademais, inaugurarase a exposición Love Velo e estrearase o documental Expediente Xosé Velo, dirixido por Aser Álvarez, nunha edición que reforza a aposta das Xornadas Arraianas por combinar reflexión, divulgación e memoria histórica.

Contenido patrocinado

stats