OLA DE CALOR
Ourense en alerta

A Raia mantén vivo o Couto Mixto, a súa desaparecida república de liberdade

MICROESTADO INDEPENDENTE

Calvos de Randín foi o epicentro da identidade transfronteiriza co nomeamento dos novos xuíces honorarios do Couto Mixto, nun acto que reivindicou o espírito de convivencia deste histórico enclave

A cantante portuguesa María do Ceo, interpretando un tema este na igrexa de Santiago de Rubiás (Calvos de Randín).
A cantante portuguesa María do Ceo, interpretando un tema este na igrexa de Santiago de Rubiás (Calvos de Randín). | Martiño Pinal

Transcorridos 162 anos dende que o Tratado de Lisboa puxo fin a sete séculos do Couto Mixto, o seu legado segue vivo. A igrexa de Santiago de Rubiás (Calvos de Randín), capital deste desaparecido microestado independente entre Galicia e Portugal que tamén integraban Rubiás e Meaus, acolleu este sábado o acto anual impulsado pola Asociación de Amigos do Couto Mixto. No inicio, os tres “homes de acordo”, representantes electos das aldeas, abriron a arca das tres chaves, símbolo da democracia mixta, que ao remate gardou os documentos e agasallos da cerimonia.

A secretaria da asociación, Carmen Vaquero, explicou que cada ano se reúnen para “renovar o vínculo coa historia singular do Couto Mixto”. A continuación, o presidente da entidade, Xosé González, agradeceu o labor pioneiro de Luis García Mañá na recuperación desta “república esquecida” e reclamou ás institucións o seu recoñecemento como “territorio histórico”. O acto tamén deu a benvida a Olalla Quintairós, que se declarou “orgullosa de sentirme mista” e definiuno como “unha maneira de vivir, harmónica, apoiada nos seus privilexios”.

Tres novos xuíces

O tradutor portugués Marco Neves, durante o seu discurso tras ser nomeado xuíz honorario do Couto Mixto.
O tradutor portugués Marco Neves, durante o seu discurso tras ser nomeado xuíz honorario do Couto Mixto. | Martiño Pinal

Na parte central do acto tivo lugar o nomeamento dos novos xuíces honorarios do Couto Mixto. A asociación de mulleres rurais “A Raia” de Baltar foi recoñecida polo seu labor dinamizador. A presidenta, Virginia Pereira, indicou que supón “unha honra e un impulso” para as mulleres que fan que “o rural siga vivo e activo”. Pola súa banda, o fotoxornalista Xurxo Lobato lembrou que “as fotos non as fan os aparatos, senón o bo ollo e a mirada”. Por último, o lingüista luso Marco Neves subliñou que se sentía “na casa” e afirmou que a historia do portugués “non pode ser contada sen falar do galego”.

Un territorio singular

No eido institucional, os alcaldes Aquilino Valencia (Calvos de Randín) e José Antonio Feijóo (Baltar) reivindicaron o “pulo definitivo” do territorio mixto. O presidente da Deputación, Luis Menor, reafirmou o apoio provincial destacando que “o Couto Mixto non é só unha curiosidade da historia, senón unha das expresións máis singulares do noso patrimonio”. Finalmente, tomou a palabra o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, que enxalzou un territorio que “foi exemplo dunha realidade política e xurídica única, marcada pola convivencia, pola autonomía”. Tamén asistiron a fiscal superior de Galicia, Carmen Eiró e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Coa interpretación do himno do Couto Mixto, na voz da cantante lusa María do Ceo -"O pobo é quen máis ordena dentro de ti, Couto Mixo"-, púxose fin a esta emotiva xornada de memoria colectiva.

Contenido patrocinado

stats