FESTIVAL INTERNACIONAL
Vilariño de Conso despide el XI ViBoMask
60 ANOS DE OFICIO E SABER
O obradoiro “Artesanía da Careta”, un pequeno templo feito de pedra pero dedicado á madeira e no que se respira Entroido, atópase en Matamá. Aquí traballa o mestre Paco Diéguez, quen leva máis de 60 anos perfeccionando a talla do rostro do Peliqueiro, a figura protagonista e máxima autoridade do Entroido de Laza, símbolo universal da vila e o eixe vital da súa veciñanza.
Malia nacer na Limia, a familia de Paco trasladouse de volta a Matamá cando tiña só un ano. Tras licenciarse en Maxisterio, emigrou seis anos a Catalunya, antes de regresar e traballar como mestre entre Laza e Verín ata a xubilación. “Formei parte da primeira promoción habilitada para impartir galego”, rememora.
A súa historia como artesán comezou de xeito autodidacta, cando con dezaoito anos fixo a súa propia máscara. Aínda que antes xa fixera a Morena, a súa maior ilusión dende pequeno fora ter a súa propia careta e vestir o Peliqueiro. Paco recorda aqueles inicios “sen mestres”, tan só guiado pola observación e a herdanza familiar, pois o avó facía chancos e o seu tío era carpinteiro. Aínda conserva a primeira que fixo, copia doutra careta antiga dos anos 70, “feita sen modelo ningún, un pouco a ver que saía”, sinala. Este ano só aceptou tres encargos, pero en toda a súa vida creou “máis de 500 caretas”, perfeccionando a súa técnica ata se converter nun referente.
O proceso é laborioso e abrangue dende o talla da madeira de amieiro do Támega, un material “moi versátil, brando para traballar e lixeiro para o portador”, ata a colocación da badana de coiro natural, a pelica, sintética, de gacela ou cabra, e a barba, antigamente de lebre, hoxe de coello. E logo está a mitra, actualmente de aluminio no canto de folla de lata, e que agora se ocupa de pintar a súa filla.
As caretas do Paco destacan polo beche, o sorriso amplo ou o xeito de marcar as fazulas, que lles dan unha personalidade recoñecible. A esencia artesanal mantense grazas ao toque da man: “Non todas son iguais, tal e como na vida non todo sae igual”. Cada creación require dunha adaptación persoal, iso si, pois as fisionomías dos peliqueiros “mudan e non existe un talle único”. Aínda hoxe, cada vez que ve as súas máscaras no Entroido “éncheseme o peito de orgullo. E se o que a porta se comporta, pois entón moito mellor”.
No obradoiro, compartido espazo coas máscaras de distintas épocas e con motivos diversos, colgan cartaces dos entroidos de Laza e de Matamá, dúas celebracións irmás e con rituais parellos, pero con matices propios que se foron diluíndo co tempo. Segundo o artesán, cando el era un rapaz eran os de Laza os que baixaban a Matamá xa que “alí estaba a Garda Civil e aquí non viñan”. Tamén cambiaba o rol do Peliqueiro: “Nós agardabamos á saída da misa, agochados e pegando dos chocos para que non se nos oíse, para sorprender aos que saían e perseguilos”.
Ese costume, ao igual que a celebración local, foise perdendo ata case desaparecer nos anos 80. Paco lembra que en Matamá tamén se levaba a cabo a farrapada que aínda pervive no Luns Borralleiro, como unha forma de batallar con trapos cheos de barro contra calquera, xa foran veciños ou os que baixaban de Laza. Por sorte, a veciñanza de Matamá acabou por recuperar o seu Antroido no 2015.
Para Paco, máis alá da festa e a estética, o Peliqueiro conserva un significado antropolóxico profundo que teme que se estea a esquecer debido á masificación. El define a figura coma “un xamán, un intermediario entre as forzas da terra e a divindade”. Na súa opinión, tamén o Entroido “perdeu a razón de ser, a función que tiña dentro da sociedade agraria”.
A súa orixe ten que ver cos “ritos de fertilidade, xa fora da terra, da facenda ou das mulleres, era necesario que houbese xente e animais, e que a terra fora próspera”. De aí que fora necesario espertar a terra “cos folións, facendo ruído”. Sobre as formigas, apunta que a súa saída indicaba “que xa comezaba a quecer o tempo, e se nos atacan é porque xa están activas. Noutros sitios teñen a marmota, nós temos as formigas”.
O artesán xa só busca relevo, transmitir o seu oficio e saber a quen queira escoitar. Por iso convida ao seu obradoiro a calquera persoa interesada “a que veña facer a careta comigo e aprenda”. As portas deste templo do Entroido permanecen abertas para quen entenda o verdadeiro peso da máscara que leva posta.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FESTIVAL INTERNACIONAL
Vilariño de Conso despide el XI ViBoMask
EXPOSICIÓN DE MÁSCARAS
Galería | El espíritu del Entroido de Ourense se deja ver en el Museo do Pobo Galego
PRESERVACIÓN DE TRADICIONES
Nacho Rovira, coleccionista: "La Pantalla de Xinzo es una de las máscaras más originales del mundo"
Lo último
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
Vixía na noite pecha
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Premios literarios
Gonzalo Iglesias Sueiro
Calígula, ¿Psicópata?
RECONOCIMIENTO A SU COMPROMISO
Corina Machado recibirá la llave de la ciudad de Madrid