UNHA HERDANZA CULTURAL
Comparsa, bonita casualidade en Viana do Bolo
UNHA HERDANZA CULTURAL
Como unha casualidade”. Así describe Antucho Espinosa, un dos artífices da recuperación das comparsas en Viana do Bolo, aquela conversa nun fiadeiro entre veciños na aldea de Solveira. Persoas de distintas xeracións que concordaban no sentimento de mágoa ante a posibilidade de que unha herdanza cultural tan característica non voltara a a recorrer as aldeas. “As persoas coñecedoras disto cada vez eran menos. Para nós era unha verdadeira tristeza que os maiores non puideran vela nunca máis e que as novas xeracións non chegaran a coñecela”, apunta Antucho.
A iniciativa xestouse poucas semanas antes do Entroido 2019. “Montamos algo rápido, improvisado e con poucos versos”, explica. Porén, foi un éxito. No mesmo día recorréronse as aldeas de Pixeiros, Solveira e Caldesiños. Á última das actuacións, en Caldesiños, acudiron centos de veciños de diferentes núcleos, “o pobo estaba cheo de xente” e isto foi a motivación que precisaban para darlle continuidade durante as seguintes anualidades.
As comparsas eran as encargadas, hai décadas, de animar o Entroido dun gran número de aldeas vianesas próximas entre elas -como Rubiais, Paradela, Caldesiños ou Pixeiros-, converténdose nunha tradición fondamente arraigada.
“O pobo encheuse de xente e esa foi a motivación que precisamos para continuar adiante”, sinala Antucho Espinosa
Catro son os papeis principais deste espectáculo que mestura teatro, sátira e música: o director, a señorita, o pallaso e o home de esquilas. Acompañados por outros personaxes -que varían segundo os anos- e un grupo de músicos, son os encargados de levar a cabo as tres partes coas que conta a comparsa: a ronda, o brindis e a disputa.
Durante os días de celebración, desprázanse ata unha aldea e alí o home das esquilas —coñecido noutros aldeas como boteiro— adiántase ao grupo para pedir permiso aos veciños. Unha vez aceptada a actuación, comeza a primeira das tres partes que compoñen a función.
Os músicos inician a ronda, percorrendo as rúas acompañados polos actores, que desempeñan os seus cometidos durante o traxecto: a señorita baila co público, o pallaso mófase con público… Rematada a ronda, a agrupación diríxese a unha aira ampla para continuar co brindis. Nesta parte, o papel do director resulta fundamental, xa que, de maneira improvisada, dedica versos e cantigas a diferentes espectadores que deben depositar algunhas moedas na cesta como contraprestación.
Rematado o brindis, chega a quenda da disputa. Unha actuación teatral en verso na que os distintos personaxes buscan facer rir ao público a través da sátira, poñendo en escea cuestións relacionadas co acontecido na última anualidade. Política, deporte, actualidade local… todo pode ser susceptible de ser tratado na Comparsa. Iso si, ata a primeira das actuacións, é o segredo mellor gardado.
San Mamede, Pradocabalos, Quintela de Hedroso e Pinza. Esas son as aldeas escollidas para a actuacións desta anualidade, a primeira na que o Entroido de Viana do Bolo é considerado Festa de Interese Turístico Nacional.
As dúas primeiras contarán con esta tradición ancestral o sábado 7 de febreiro en dúas sesións diferentes: ás 11,00 horas en San Mamede e ás 17,00 horas en Pradocabalos. En canto a Quintela de Hedroso e Pinza, a Comparsa chegará o sábado 14 de febreiro nos mesmos horarios.
Esta iniciativa non é só un espectáculo, senón un fío que une xeracións, unha herdanza que percorre as rúas e as casas das aldeas, facendo rir, facendo sentir un dos Entroidos máis ancestrais da provincia. A Comparsa volta a encher espazos que durante décadas tiveron silencio, recordando que as tradicións non se perden mentres haxa quen queira mantelas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UNHA HERDANZA CULTURAL
Comparsa, bonita casualidade en Viana do Bolo
FIGURA IDENTITARIA
El Capuchón, protagonista en el Entroido de la villa de Verín
DOMINGO FARELEIRO DE ENTROIDO
La tradición “enfariñou” Xinzo de Limia
LOS LIMIANOS DE BLANCO
Galería | Los entroideiros conquistan Xinzo en el Domingo Fareleiro
Lo último
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
“Enchoupados”
IRRUPCIÓN DE LA BORRASCA
Ourense, epicentro de las lluvias de Joseph, activa las alertas en los ríos
PODCAST Y VÍDEO
EL PRIMER CAFÉ | Martes, 27 de enero