Entroido e gastronomía danse a man para completar a tradición

CELEBRACIÓNS

Son seis as festas gastronómicas declaradas de interese turístico autónomico que se celebran nestas datas

Publicado: 28 feb 2025 - 05:15 Actualizado: 28 feb 2025 - 10:05
Festa do Botelo do Barco de Valdeorras.
Festa do Botelo do Barco de Valdeorras. | La Región

Se a boa mesa é un dos sinais de identidade de Galicia, o Entroido non o é menos. Por iso cando se unen, Entroido e gastronomía forman unha parella irresistible que dá as mellores festas do ano. 

A cociña tradicional do Entroido galego xira en torno aos atractivos do porco. Despois da matanza en novembro e dun par de meses de curación, as chacinas alcanzan o seu punto óptimo nestas datas. É o momento de levar á mesa o mellor da casa: lacón, androlla, chourizo, orella, cacheira (ou cachucha), botelo... Todo ben acompañado de patacas, grelos, garavanzos ou galiña.

A cociña tradicional do Entroido galego xira en torno aos atractivos do porco e ás súas carnes, curadas da matanza

Se ben é certo que do porco se aproveita todo, en Galicia ademais festéxase todo: hai Festa do Botelo, Festa da Androlla, Festa da Cachucha ou Festa do Lacón con Grelos. En moitos lugares, estas festas gastronómicas multitudinarias son a grande atracción do Entroido; celebracións nas que non faltan degustacións gratuítas, banquetes, showcooking, música, baile, comparsas e moita, moita diversión.

E, para os máis larpeiros, o Entroido sabe a gloria: filloas doces ou salgadas, soas ou cun toque de mel, chocolate, castañas... Tamén, orellas, flores, bica... E, como imprescindibles, uns bos groliños de xastré e de licor café. 

Cocido de Lalín

O cocido galego é o máis variado e consistente de cantos lle dan fama á gastronomía española. E en Lalín, no corazón de Galicia, é ademais un prato tan sublime que se fai unha festa na súa honra coa que saborear a chegada do Entroido. 

Verdadeiro expoñente da cociña feita con produtos de proximidade, o cocido galego é unha exaltación dos atractivos do porco e acompáñase de tenreira, galiña,verduras e garavanzos. Por iso Álvaro Cunqueiro dicía que, para servir un bo cocido, sempre en compañía duns bos amigos, fan falta tres fontes “... que nunha vai a carne de porco, noutra a galiña coa carne fresca, e na outra as patacas con chourizos e garavanzos”. 

A celebración de Lalín, que se achega ao seu 50 aniversario, inclúe un variado programa cultural e gastronómico; e por suposto desfile de carrozas, comparsas e verbena. O seu atractivo é tal que á edición do 2013 acudiron unhas 60.000 persoas. Esta Festa de Interese Turístico Internacional celébrase o domingo anterior ó Domingo de Entroido.

Filloas de Lestedo

As filloas son a sobremesa por excelencia do Entroido galego e en Lestedo, na comarca do Ulla, despídeno cun día de festa. As filloas tradicionais adoitan tomarse soas ou con mel, aínda que nalgunhas zonas de Galicia son tamén típicas as filloas salgadas, elaboradas con caldo de cocido. Hoxe as filloas doces acompáñanse de crema de chocolate, de castañas, de marmelo e, as salgadas, de setas, lacón... 

Na festa de Lestedo, entre música e comparsas, pódense degustar filloas á pedra, feitas como manda a tradición sobre unha pedra plana e quente; e tamén as feitas nunha máquina inventada por un pasteleiro local, a un ritmo de 1.500 por hora. 

A festa ten outro prato forte: o atranque dos Xenerais do Ulla, unha batalla dialéctica entre dous xenerais, personaxes representativos do Carnaval desta zona, que a cabalo e pomposamente vestidos, satirizan a actualidade política e social. Declarada Festa de Galicia de Interese Turístico, celébrase o domingo seguinte ao Martes de Entroido.

Lacón con grelos en Cuntis

Cuntis, unha recolecta localidade famosa polas súas augas termais e as súa camelias, celebra a fin do Entroido cunha contundente festa gastronómica dedicada ao lacón con grelos. Dous nobres ingredientes da gastronomía galega que nesta época do ano se xuntan para formar unha exquisita parella, á que adoitas acompañar cachelos e chourizo; de sobremesa, unhas deliciosas filloas.

A festa está aberta a todo o mundo, con degustacións gratuítas de tapas e talleres gastronómicos; e nas rúas, a alegría das comparsas do Carnaval. O broche final é o Enterro do Chapante, unha variante do enterro da sardiña que se recuperou despois de anos no esquecemento e que fai referencia aos chapantes, alcume que reciben os habitantes de Cuntis, a grandes lupandas.

Considerada como Festa de Galicia de Interese Turístico, ten lugar cada ano o domingo seguinte ao Domingo de Entroido.

Androlla en Viana do Bolo

Viana do Bolo leva a gastronomía adherida ao seu nome. Un sinal de identidade que se amosa coa chegada dos carnavais, un dos máis antigos e auténticos de toda Galicia. Gastronomía e Entroido fúndense na denominada Festa da Androlla, un embutido de porco típico da zona. Faise con tripa gorda (non co estómago) e reénchese de costela adubada. Logo, afúmase durante uns dez días e déixase curar durante un par de meses... ata a chegada do Entroido. Nese momento a androlla é un manxar.

O Domingo Gordo é o día da androlla, con degustacións de petiscos gratuítas e un gran banquete no que ademais hai caldo, grelos, lacón, cordeiro e bica. É tamén o día grande do Entroido de Viana, con boteiros e folións. O boteiro é a súa máscara emblemática; personaxe delirante que percorre as rúas nunha procesión ritual acompañando ó folión. A diversión está servida nesta Festa de Galicia de Interese Turístico.

Botelo no Barco

Para anticipar as delicias do Entroido xa a finais de xaneiro, a Festa do Botelo do Barco de Valdeorras, declarada de Interese Turístico de Galicia, está protagonizada por un embutido de porco cunha curación moi curta; isto convérteo nun manxar perecedoiro e moi cotizado, xa que só está no seu punto durante uns días. No xantar colectivo que se celebra cada ano na festa, cómese con repolo, chourizo, patacas e un bo tinto da zona, berce da D.O. Valdeorras. E de sobremesa, a torta de roxóns.

Na elaboración do botelo utilízase o estómago do animal como contedor e é o máis grande de todos os embutidos. Ten outras denominacións como butelo ou bitelo. Malia existir unha proximidade evidente, o botelo do Barco non é exactamente o mesmo co seu parente berciano, que viría sendo máis ben o que nesta bisbarra se coñece como pigureiro.

Butelo na Fonsagrada

A Feira do Butelo da Fonsagrada celébrase a fin de semana anterior á fin de semana de Entroido con este embutido típico, propio e peculiar da zona da Fonsagrada como protagonista. Elabórase a base de costela de porco e outras partes, adobándoas e embutíndoas no estómago ou en tripa grosa do porco, curado e afumado con leña de carballo.

Aínda que a Feira do Butelo ten unha orixe relativamente recente (a primeira edición desta feira tivo lugar en 1998), actualmente está consolidada e goza de grande arraigamento. Moitos son os que se acercan á Fonsagrada na fin de semana da feira co obxecto de degustar ou mercar este cobizado embutido e demais produtos da matanza, así como outros produtos da zona, e desfrutar das fermosas paisaxes da comarca.

Contenido patrocinado

stats