Logo de medio século, as “Bonitas” volven a Laioso
TRADICIÓN
Vilar de Santos recupera o traxe de vello grazas ás memorias veciñais, unha traidicón ligada ás “Bonitas”
Máis de 50 anos despois, Laioso, unha aldea do concello de Vilar de Santos, recupera o seu traxe tradicional de Entroido grazas á iniciativa de Raquel Coello e Dorinda García, neta e avoa, que decidiron recrear este ano o vestiario que antigamente lucían as mulleres da localidade durante esta celebración.
Hai décadas, o Entroido vivíase dunha maneira moi diferente á actual. “A miña avoa sempre me conta historias de cando ela era nova, de como se vivía o Entroido”, afirmou Raquel, apuntando que nas aldeas máis pequenas, os veciños e veciñas organizábanse para correr o Entroido polos pobos da contorna nas “Arrunfadas”. Estas consistían en grupos de persoas disfrazadas que percorrían as aldeas “levando o Entroido”, nunha especie de xogo -semellante ao pilla-pilla- entre pobos, xa que quedar co Entroido considerábase un desprestixio que todos trataban de evitar. “Pasaban a noite dunha aldea a outra -ata as tantas da madrugada- a ver quen quedaba co Entroido”.
As Arrunfadas estaban formadas por dous personaxes principais: os Farrumeiros e as Bonitas. Os Farrumeiros vestían roupas vellas e levaban o rostro tapado ou pintado con tizóns, mentres que as Bonitas representaban unha figura máis elegante, vestindo roupas brancas decoradas con cintas de cores.
En Laioso, este vestiario feminino coñecíase popularmente como o “Traxe de Bonito”. Estaba composto por enaguas e unha toquilla branca, adornadas con hedras e cintas de papel de diferentes cores. Na cabeza levaban un sombreiro de palla do que tamén penduraban cintas, mentres que o rostro permanecía descuberto, pintando de encarnado os beizos e as meixelas.
Dende o Domingo Corredorio ata o Martes de Entroido, Dorinda e as súas veciñas vestían este traxe para percorrer as aldeas da parroquia de Parada de Outeiro, chegando incluso a pobos de concellos de Rairiz de Veiga, Sandiás ou Allariz.
“Igual que iamos nós, tamén viñan Arrunfadas de moitos outros pobos. Traían pandeiretas e xuntabámonos todos a cantar e a bailar; era outra forma de vivir o Entroido”, lembra Dorinda aos seus 81 anos.
Esta tradición perdeuse hai moitos anos, do mesmo xeito que o propio “Traxe de Bonito”. Por este motivo, Dorinda e Raquel decidiron recuperalo, coa intención de manter viva a cultura e a identidade da aldea.”Non sei se nos dará tempo a facer máis para poder sacalo este ano, hai pezas -como o sombreiro- que custa atopar”, apuntou Raquel, aclarando que se a súa avoa se anima, “imos dar unha volta pola aldea polo menos”.
“Cando unha persoa maior morre, vanse con ela infinidade de coñecementos e tradicións, e perdemos unha parte da nosa cultura. Recuperar estes aspectos da memoria das veciñas é fundamental para manter viva a nosa identidade como pobo”, sinala Raquel Coello.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PLAN DE AUTOPROTECCIÓN
Verín reforzará a seguridade nos días grandes do Entroido
PERCORRIDO POLOS NÚCLEOS
Os Troteiros volverán levar a troula por tódalas aldeas de Bande
Lo último
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Nicolás
CELEBRACIÓN LOCAL
Vilanova, maxia acesa na Festa do Chourizo
VÍAS DE NEGOCIO
El Campus de Ourense impulsa al alumnado a emprender