Nieves Amado: “O peliqueiro e o entroido rixen o calendario, son un eixe vital para os de Laza”

ENTREVISTA

A arqueóloga profesional e investigadora lazana Nieves Amado Rolán é unha das relatoras das III Xornadas de Tempo de Entroido, da asociación cultural enLAZAdos, que terán lugar este sábado, 1 de febreiro, dende as 16,00 horas no Concello lazano

A arqueóloga profesional e investigadora lazana Nieves Amado Rolán.
A arqueóloga profesional e investigadora lazana Nieves Amado Rolán.

Na súa charla, que leva por título “As mil caras dos peliqueiros”, Amado Rolán exporá os achados que descubriu o último ano sobre das caretas dos peliqueiros da parroquia de Laza dende o ano 1900.

PERFIL

Lugar de nacemento: Vilameá, Laza.

Dato: É membro do Consello da Cultura Galega.

Como xorde a investigación?

O Museo Arqueolóxico de Ourense mandoume unha foto que amosa oito caretas, pousadas na herba: unha visión moi distinta dos peliqueiros. A miña teoría é que é do ano 60, dunha visita dos Duques de Alba a Monterrei. Non ten autoría, pero non é dun fotógrafo de Laza nin está tomada alí. Houbo peliqueiros na súa recepción, e a careta é o seu DNI; estas son dos 40 e 50, da posguerra. A raíz diso levo un ano investigando as máscaras de Laza, Cimadevila e Souteliño, e continuarei co resto do concello.

Fotografía que orixinou a investigación de Nieves Amado Rolán (FOTO: CEDIDA POLO MUSEO ARQUEOLÓXICO PROVINCIAL DE OURENSE).
Fotografía que orixinou a investigación de Nieves Amado Rolán (FOTO: CEDIDA POLO MUSEO ARQUEOLÓXICO PROVINCIAL DE OURENSE).

Define a careta o peliqueiro?

Para min é a parte principal. Sempre digo que un peliqueiro con careta, pero sen traxe, é un peliqueiro. En cambio un peliqueiro co traxe, pero sen a careta, a verdade é que é horrible. É un traxe desproporcionado para o corpo se non lle pos a máscara. É o seu símbolo identificativo, que o sintetiza dentro e fóra de Laza.

Cales son as primeiras referencias que hai dos peliqueiros?

Antes do século XX só temos referencias orais, e con elas podémolos levar ata inicios do XIX con certeza. Con anterioridade habería outra figura semellante no comportamento e que levase os chocos, comúns a toda a cosmovisión europea e case mundial. Poderíamos falar do traxe, moi barroco, e para min de claro corte militar. O val do Támega foi antigamente unha ruta transitada con frecuente paso de militares por Monterrei. Non sabemos como, pero foi o pobo quen creou outro personaxe con ese traxe.

O peliqueiro é todo para Laza.

A identificación co peliqueiro é total, elevouse a deus pagán e nas casas o traxe é un santuario. No pasado visitaban os enfermos, coma se foran xamáns. Levitan e mandan sobre o resto, non se lles pode tocar. O entroido e o peliqueiro son un eixe, parte moi importante da vida en Laza. A transmisión comeza co primeiro traxe, aos poucos anos. Con 20 ou 30 vístese con vigor, e despois vai decaendo a enerxía, pero esa tradición fica gravada na xente.

Como foron cambiando os motivos que decoran as caretas?

As caretas evolucionaron moito, sobre todo na súa arte. Antes da guerra había moitos motivos vexetais, astrais, orlas, máis abstractos e simétricos, non tan naturalistas. Despois comezaron a proliferar os animais limpos, sen engadidos, obra case todos do mesmo pintor. Agora continúa esa temática, pero métense moitas paisaxes. En Laza as máscaras non se conciben coma cadros, senón como “animais que impacten”. Sobre a artesanía, antes había maior variedade, agora está todo máis estandarizado.

Contenido patrocinado

stats