Ninguén quedou a salvo da fariña no gran día da cativada en Verín
LUNS DE ENTROIDO
O Luns de Entroido en Verín tivo un marcado carácter infantil e mantivo viva a tradición da fariñada na praza García Barbón
Verín viviu un Luns de Entroido tinguido de branco e dedicado especialmente aos máis pequenos, que gozaron tanto das actividades do Entroido infantil no pavillón como da batalla campal da gran fariñada.
A praza García Barbón converteuse nunha improvisada trincheira onde a fariña foi a arma elixida para unha loita lúdica na que o obxectivo principal era rebozarse e rebozar aos demais. Antigamente, no canto da prezada e cara fariña, lanzábase borrallo ou cinsa. De feito, en Verín adoitábase lanzar tódolos días do ciclo.
Para protexerse no fragor da contenda, pequenos e maiores botaron man de todo tipo de elementos prácticos como lentes, perrucas, gorras e monos de corpo enteiro, mesmo algún capuchón. A estratexia tamén estivo presente, xa que os máis novos demostraron ser os máis listos á hora de transportar a fariña, utilizando dende carros da compra ata maletas.
A música non deixou de soar en toda a vila, coas charangas animando a mañá e a tarde, e unha discomóbil acompañando a fariñada. A amenización continuou na praza ata altas horas da noite.
De forma paralela á batalla na rúa, o pavillón municipal acolleu un Entroido infantil deseñado especificamente para o futuro da festa. O espazo contou con obradoiros e actividades de balde pensadas para os máis novos que, acompañados polas súas familias, aseguraron a súa diversión nunha xornada feita á súa medida.
Derradeiro desfile
Tras moitos días de troula, Verín di este martes adeus a Don Carnal ata o vindeiro ano. Para endulzar o mal trago, ás 16,30 horas iniciará o último desfile, con grandes doses de humor, parodia e retranca, seguido por música na praza
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
785 DELITOS REGISTRADOS
Los menores delincuentes en Ourense: violencia en las redes y cada vez más precoces
ASÍ SE ALIMENTA A LOS PACIENTES
La megacocina del CHUO: 3.500 platos al día en Ourense