Onde o fulión nunca calou

ENTROIDO EN TRIVES

A pequena aldea de Sobrado de Trives conserva unha das tradicións máis fondas do seu pasado: o fulión. Aínda que a poboación diminuíu e moitos costumes desapareceron, o son dos bombos e aixadas continúa reunindo xeracións arredor do Entroido.

Tarde de Entroido nos anos 60 en Sobrado.
Tarde de Entroido nos anos 60 en Sobrado.

Hai lugares nos que o Entroido non se explica: escóitase.

En Sobrado de Trives, pequena aldea encaixada na memoria entroideira do concello, os bombos seguen soando ano tras ano como un latexo teimoso que se nega a desaparecer. Xa non quedan moitas casas abertas nin aquelas rúas cheas de mozos dos anos sesenta, pero queda algo máis forte: a vontade de non deixar morrer a tradición e de que o fulión siga vivo.

Sentados a carón da lareira, entre fotografías gastadas polo tempo, e co baul das telas de cores e disfraces aireando na casa, José Manuel Martínez conta como se vivía o carnaval cando el era novo. Na súa cara mestúranse a nostalxia e a alegría dun tempo no que Sobrado rebulía de xente e de festa. Aquí sempre houbo Entroido, “nós sempre lle chamamos carnaval, aínda que agora se diga Entroido”. Él, aos seus 88 anos, afirma que “aquí sempre se tocou o fulión”, aínda cando ninguén o recoñecía nin o protexía, cando para moitos das vilas parecíalle unha cousa moi de aldea. As lembranzas van e veñen entre risas. Pepe, como todos o coñecen, non sempre foi de ir tocando polo pobo, pero nunca deixaba de abrir a súa bodega cada noite que o fulión chegaba á súa porta.

A ronda de fulión reunía a novos e vellos cada tarde.
A ronda de fulión reunía a novos e vellos cada tarde.

Os xoves de lardeiro e lardeira era festa, pero máis festa eran os días previos. Esto si que xa só queda no recordo da aldea. Os ollos ilumínanse recordando como era facer a lardeira. Os mozos xuntábanse para entrar ás agachadas nas casas das mozas e roubarlles roupa para facer a lardeira. Agochar aquelas prendas era toda unha aventura, aínda que poucas veces servía de algo. O mesmo pasaba cando eran as mozas as que tiñan que facer o lardeiro coas mellores roupas dos homes do pobo. Lembra como, confiado nunha pechadura nova posta polo seu irmán carpinteiro, se burlaba paseando fachendoso e tranquilo pensando que a súa roupa estaba a salvo. As gargalladas cambiaron de dono cando lle rebentaron a porta e viu as súas mellores galas paseadas polo boneco do lardeiro. No Entroido non valía enfadarse: todo estaba permitido. Tamén correr a fariña, sen excepción.

Sobrado era pequeno, pero a festa grande. A unión era tal que mesmo facían comparsas, con versos inventados polos propios veciños para representar no pobo. E estaba o fulión, ese son grave e fondo que marcaba o ritmo do Entroido. Non sempre era doado: había anos nos que estaba prohibido tocalo. Cando aparecía a Garda Civil, máis valía agochar os instrumentos e meterse nunha adega, en silencio, ata que marcharan. Algunhas veces, lembra que había quen se encaraba e acababa vendo o bombo polo chan ou feito anacos.

“Daquela non era como agora, había só tres ou catro bombos como moito, moitos feitos con latón ou bidóns, acompañados de ferros calqueras, aixadas, e aquí nós tamén tiñamos caixas, gaita ou acordeón”.

Unha das antigas comparsas en Sobrado.
Unha das antigas comparsas en Sobrado.

Os tempos cambiaron nas xeracións actuais e tamén as formas: máis bombos, aixadas compradas para a ocasión que nunca pisaron a terra, e un fulión que deixou de ser cousa só de homes. Na aldea xa non quedan nenos, xa non se corre a fariña os xoves, nin se defende a roupa esperando que non remate colgada na lardeira e no lardeiro. En Sobrado moitas cousas se foron acabando onde a “nena” que reside diariamente na aldea xa suma máis de catro décadas, pero nada diso impide que a tradición morra.

Mudou e moito, pero nas fins de semana os que por mor do traballo non viven alí, retornan e collen os instrumentos con máis ganas que nunca facendo vibrar as estreitas rúas, mesmo son quen de seguir transmitíndolle a tradición a seus fillos. Aínda hoxe, en datas de Entroido é posible quedar durmido escoitando como os bombos soan polas rúas, achegándose e afastándose, parando nas bodegas para un grolo ou unhas cantigas. Case se pode adiviñar en que barrio están só polo son. Esa música queda gravada para sempre en cada un dos veciños.

Hoxe Sobrado ten menos xente, e algunhas tradicións fóronse perdendo pola falta de mocidade, pero o esencial permanece. Os bombos e as aixadas seguen soando ano tras ano. Grandes e pequenos, os que marcharon e os que quedaron, diferentes xeracións xuntas facendo Entroido.

Porque os verdadeiros protagonistas son eses veciños que hoxe pasan dos oitenta anos, e outros moitos que xa non están pero o transmitiron moi intensamente, e que, coa súa teimosía e amor pola terra, conseguiron algo inmenso: que o fulión de Sobrado siga vivo.

Contenido patrocinado

stats