Os Troteiros volverán levar a troula por tódalas aldeas de Bande

PERCORRIDO POLOS NÚCLEOS

O Concello de Bande anunciou un programa de Entroido cheo de actividades e gastronomía, no que non faltan nin os Troteiros nin o seu Luns Feo

Presentación do Entroido de Bande no Mercado do Xurés.
Presentación do Entroido de Bande no Mercado do Xurés. | Concello de Bande

O Concello de Bande vén de presentar no Mercado do Xurés a programación do seu Entroido, que arrancará esta semana e se estenderá ao longo de cinco días. Os Troteiros, xunto con outras máscaras, serán os protagonistas nos tradicionais, xunto a exaltacións da gastronomía típica e actividades para tódolos públicos con inscrición previa.

O pistoletazo de saída terá lugar este sábado, 7 de febreiro, coa tradicional ruta dos Troteiros polas aldeas, que contará co acompañamento musical do grupo Feitizo de Pau. A xornada comezará cedo, ás 09,00 horas dende o Concello, con primeira parada en A Ponte Cadós, para continuar por Rubiás. O percorrido, que pasará por 30 núcleos, rematará en Lueda e Martiñán pasadas as 19,30. Dende a organización piden aos veciños que queiran recibir aos Troteiros que avisen previamente nas oficinas municipais.

O día central das celebracións será o seguinte domingo, 15 de febreiro. Ás 11,00 horas, os Troteiros sairán de novo de ruta polas rúas de Bande, amenizados pola charanga local. Ás 14,00 poderá degustarse no albergue o Cocido Troteiro, cuxas entradas xa están á venda por 22 euros para os adultos e 13 euros para os máis pequenos.

Á tarde celebrarase o desfile de comparsas e carrozas, que contará coa actuación da Batucada Vilatuke. O Concello estableceu premios de 300 euros para as carrozas e de 150 euros para as comparsas, sempre que conten con dez ou máis participantes e se inscriban antes do xoves 11 de febreiro. O domingo continuará coa actuación do dúo Mecánica ás 18,00 horas e pecharase cunha Dulzada Troteira de balde ás 19,00 horas.

Luns Feo

Unha das citas máis singulares do Entroido banduense chegará o 16 de febreiro, coñecido como Luns Feo. Pola mañá haberá un obradoiro de máscaras na biblioteca que precisa de inscrición. Pola tarde, arredor das 17,00, terá lugar a saída do Carneiro e dos Farrapeiros dende a aldea de Mexide ata Santa Comba.

A programación continuará o martes, día 17, cunha nova saída dos Troteiros polas rúas de Bande ás 11,00, seguida dunha Fabada Troteira de balde. Finalmente, os festexos concluirán o mércores 18, cun obradoiro de capuchóns na biblioteca á tarde. Posteriormente celebrarase o Enterro da Sardiña, coa participación da Charanga de Bande e unha degustación de choripán para despedir o Entroido.

Contenido patrocinado

stats