Daniel Hermosilla: “Os servizos que hai na automoción axudan a modernizar outros sectores”

Daniel Hermosilla é aparellador e protagoniza o Foro La Región

Daniel Hermosilla
Daniel Hermosilla

Entender o papel que xogará a industria será clave para o futuro económico de Galicia. Por iso, Daniel Hermosilla, protagonista do libro “Galicia, distrito industrial”, falará sobre o tema no Foro La Región de hoxe, que se celebrará no Marcos Valcárcel. Lembra que para asistir podes inscribirte a través do Press Club de La Región.

Como é o sector industrial galego?

Galicia posúe un sector industrial importante. A comunidade ten, segundo as estatísticas, unha porcentaxe de produción industrial superior á media estatal e ao que lle corresponde por poboación. Santiago Lago, presidente do Foro Económico de Galicia, dixo que o crecemento da produción industrial nas últimas décadas foi superior ao País Vasco e Cataluña. Gran parte da industria é moi descoñecida tanto na súa existencia como na súa capacidade e calidade.

¿Hai unha percepción por parte dos cidadáns da comunidade galega distinta á realidade?

Si. Esta imaxe é moi negativa porque non axuda ao desenvolvemento nin a vender. Ver a comunidade como un lugar atrasado, agrario e rural, non casa con tratar de exportar produtos con deseño e de calidade. É unha barreira que as empresas teñen que superar.

Cal é a maior fortaleza das empresas de Galicia?

Os eixos principais da súa economía son todos os que se moven arredor da produción da automoción, todo o que deriva de Inditex, un importante sector conserveiro, a industria do agro e o sector forestal. A novidade de todo isto é que, por exemplo, no entorno dese mundo de empresas que móvense arredor de Inditex, desenvolveuse o sector contract: toda a xente que deseña, constrúe e monta todas as tendas no mundo para dar servizo á empresa creada por Amancio Ortega, faise desde Galicia. Aí xurdiron un montón de empresas que transforman a madeira, o aceiro, o aluminio, o vidro, metais ou plásticos que creceron enormemente.

Axudou a cambiar a mentalidade?

Si. Ter que saír fóra obriga a acostumarte a traballar noutros países, que é algo moi complexo, con normativas diferentes, con idiomas distintos e con outras culturas de traballo. Unha vez que superas iso, o cambio de mentalidade e a confianza que collen esas empresas vólvese algo irreversible, esa capacidade xa non a perdes. Isto fixo que o sector contract que xurdiu en Galicia sexa o máis punteiro do mundo.

Está a modernizarse a comunidade?

Os servizos complexos como enxeñería, deseño, dixitalización ou robotización, que hai arredor do mundo da automoción, que é o máis avanzado do mundo neste tipo de especialidades, permite que outros sectores de Galicia estean a modernizarse.

É importante que as empresas teñan arraigamento co territorio?

É fundamental. Vivimos agora a deslocalización de empresas que o fan porque os recursos que utilizaban xa fraquean ou a electricidade é máis cara. As empresas que teñen raíces, compromiso e forman parte da sociedade na que están, non se deslocalizan tan facilmente. Son moito máis resilientes porque, se ti transformas produtos endóxenos tes que estar aquí, non podes desprazarte a outro sitio. Temos que prestar moita atención a todas esas empresas que teñen impacto positivo no territorio, porque a sustentabilidade non é posible se non hai xente no lugar e para iso ten que haber unha actividade económica.

Cal cre que será a maior fonte de riqueza na próxima década?

Sempre poden aparecer sorpresas como foi no seu día Inditex, nun sector maduro como o era o téxtil nos anos 90, de repente apareceu un xigante onde ninguén o esperaba. Eu creo que nas próximas décadas vai haber continuidade nos sectores que temos, pero algúns veranse beneficiados. Ó ritmo ao que está medrando a poboación mundial, os territorios que sexan capaces de producir alimentos de calidade van ter un futuro espléndido. Hai outro factor fundamental, Galicia ten auga e nos próximos anos imos ver como se deixan de obter produtos agrícolas pola súa falta e a nosa comunidade producirá máis alimentos que os de agora.

Que papel xogará a descarbonización?

Galicia é o territorio do sur de Europa con maior potencial de produción forestal. Vai ser fundamental que a comunidade se convirta no gran subministrador de madeira de calidade para facer edificios, ese sector vai medrar moito.

Contenido patrocinado

stats