Douscentos oito anos do nacemento de Lewis H. Morgan

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 21 nov 2026 - 04:05
O meu exemplar da La sociedad primitiva, de L. H Morgan
O meu exemplar da La sociedad primitiva, de L. H Morgan

O 21 de setembro de 1818, tal día coma hoxe, nacía o estadounidense Lewis H. Morgan, antropólogo, ademais de avogado, hai 208 anos. Teño na miña biblioteca un exemplar do seu libro “La sociedad primitiva”, a terceira edición en español de 1975, publicada pola Editorial Ayuso e prologada por Carmelo Lisón Tolosana. Como saben, a obra é unha tradución de“Ancient Society of Research in the Lines of Human Progress from Savagery through Barbarium to Civilization”. Aínda está forrado con papel de celofán transparente e as páxinas están amarelentas, cor gañada no transcurso dos anos.

Era unha das lecturas indispensables para completar o contido tanto na materia de Antropoloxía de quinto curso, como nas prehistorias de segundo e cuarto na Universidade de Santiago. E iso que esta obra monumental viu a luz nada menos que en 1877. Xa saben que as investigacións en asuntos da prehistoria fundaméntanse sobre todo na arqueoloxía, que nos permite achegarnos aos restos que se conservaron daquelas épocas tan afastadas, no noroeste polo menos uns 350.000 anos, aínda que nada impide que a antigüidade sexa maior. As escavación e outros métodos arqueolóxicos posibilitan a recuperación de ferramentas ou restos de asentamentos. Pero as mentalidades, crenzas, institucións e outros trazos esenciais non se fosilizan para conservarse xunto coas anteriores. Está claro que os conceptos e as teorías renóvanse continuamente coa investigación. É o que define a Ciencia e a afasta do dogma. Porén, moitas das súas conclusións, pasadas pola peneira do matiz e dos novos coñecementos, aínda son de obrigada lectura para antropólogos e prehistoriadores. Ademais a obra que antes citamos, Morgan estudou a fondo a organización social das nacións indíxenas iroquesas, ou a institución da familia dende o punto de vista social. Precisamente á familia dedica a terceira parte de “La sociedad primitiva”, tratando noutras asuntos tan esenciais como as formas de goberno ou a propiedade tanto a través da través da historia como en “primitivos actuais” da súa época.

Non obstante un tema que me fascinaba cando era estudante era a explicación con criterios evolucionistas as fase culturais polos que transitaron as sociedades na historia, e que da inicio ao libro co apartado titulado “Períodos étnicos”. Adapta á historia as teorías darwinistas publicadas en 1859 -“A orixe das especies” e 1871 -A orixe do Home”-, demostrando que o coñecemento científico non medra en compartimentos estancos.

O concepto decimonónico de evolucionismo cultural de Morgan en “La sociedad primitiva”, deixando a un lado atinadas críticas ao risco de aplicar o etnocentrismo europeo a outras culturas, ou incluso a súa afirmación acrítica da inevitable idea de progreso histórico, propia das mentalidades contemporáneas da época, contemplaba tres grandes etapas na historia da humanidade: o “salvaxismo”, toda a evolución humana ata o descubrimento da agricultura e gandería; a “barbarie, dende o descubrimento da agricultura e gandería ata o descubrimento da escritura; finalmente, a “civilización”, a partir desa invención da escritura, o que soe coincidir co nacemento das cidades e do Estado como institución.

Ben sei que libros como o que hoxe cito son xa moi antigos. Pero gran parte das conclusión dos vellos mestres, así como as metodoloxías de estudo, fundamentan a investigación e saberes actuais.

Contenido patrocinado

stats