Case 50.000 persoas volveron á comunidade en seis anos

ESTRATEXIA GALICIA RETORNA

A Estratexia Galicia Retorna confirma a consolidación do regreso como fenómeno estrutural coa volta de 50.000 persoas en seis anos

A Estratexia Galicia Retorna confirma a consolidación do regreso como fenómeno estrutural
A Estratexia Galicia Retorna confirma a consolidación do regreso como fenómeno estrutural

Desde o inicio da Estratexia Galicia Retorna en 2018 ata 2024 regresaron a Galicia 49.995 galegos, unha cifra que confirma a consolidación do retorno como fenómeno estrutural na comunidade. Ademais, Galicia gañou máis de 140.000 habitantes grazas ao saldo migratorio positivo rexistrado neste período, evidenciando un cambio de tendencia histórica que sitúa á comunidade como territorio de retorno e tamén de acollida.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, compareceu onte na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia para dar conta do informe de xestión do programa de retorno da Secretaría Xeral da Emigración correspondente ao ano 2025 e facer balance da evolución da Estratexia Galicia Retorna desde a súa posta en marcha.

Durante a súa intervención, Miranda destacou que Galicia conta cunha política “transversal, integral e pioneira en España e en Europa”, que está a ofrecer resultados concretos tanto no plano demográfico como no económico e social. “O retorno non é só un dereito, é tamén unha vantaxe competitiva para Galicia e un dos piares fundamentais para afrontar o reto demográfico”, asegurou.

Un dos eixos centrais da política de retorno é a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, con sedes nas catro provincias e en Vigo. En 2025 atendeu a máis de 8.000 familias e recibiu máis de 30.000 consultas. Desde 2020, foron atendidas máis de 34.000 familias e preto de 170.000 consultas. Ademais, a Oficina Móbil, posta en marcha en 2024, realizou máis de 400 visitas a 217 concellos do rural, atendendo a máis de 600 familias.

Axudas por case 4 millóns

No que atinxe ás axudas extraordinarias ao retorno, Miranda salientou que en 2025 se destinou case 4 millóns de euros -a maior cifra da historia deste programa- para apoiar ás familias retornadas máis vulnerables no seu proceso inicial de integración. O pasado ano beneficiáronse 1.340 familias, cunha axuda media de arredor de 3.000 euros. Desde 2018, máis de 7.500 familias recibiron este apoio, cun investimento superior aos 19 millóns de euros.

Pola súa banda, as axudas ao Retorno Emprendedor consolidáronse como unha das medidas mellor valoradas, con 145 axudas concedidas en 2025 e un investimento de 1,2 millóns de euros. En total, desde 2018 apoiáronse máis dun milleiro de proxectos empresariais impulsados por galegos retornados.

Miranda fixo tamén especial fincapé nas bolsas BEME, que este ano acadan a súa décima edición e permiten que 250 mozos do exterior cursen un máster nunha universidade pública galega.

Contenido patrocinado

stats