“Mementum”, un responso en homenaxe a Antón Pulido
PINTOR OURENSANO
A música e a poesía, na multitudinaria despedida ao pintor ourensano, afincado en Vigo, que convocou a políticos e intelectuais
A cultura chora a morte do artista ourensán Antón Pulido. Nado en Amoeiro, desenvolveu a súa vida en Vigo, onde onte se lle deu o último adeus. O tanatorio Vigo Memorial acolleu onte un multitudinario encontro da sociedade galega. A despedida do artista convocou a representantes políticos dende o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, José López Campos; o alcalde Abel Caballero e a tenente de alcalde, Carmela Silva. Tamén estiveron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.
No ámbito da cultura, acudiron o escritor e expresidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o presidente da editorial Galaxia, Antón Vidal Andión; o director xeral e secretario da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez Otero, ou o pintor José María Barreiro. Da Universidade de Vigo pasaron os exreitores Manuel Reigosa e Luis Espada.
O funeral de corpo presente foi oficiado por varios cregos encabezados polo bispo emérito. O cadaleito estaba cuberto coa bandeira de Vigués Distinguido, nomeamento que recibiu en 2006 pola súa achega a Vigo, cidade na que residía dende os anos 80, sen esquecer a súa orixe, na aldea ourensá de Amoeiro.
Tralo funeral, Bieito Ledo abriu o acto civil. Foron amigos dende que con 12 anos ingresaron no Seminario. “Era o 1 de outubro de 1956, presentámonos 500 rapaces ás probas de acceso e só pasamos 120. Nos 11 anos que compartimos meditación e silencio durante nove meses seguidos, collemos o tempero, cando o ferro se converte en aceiro. De aí saíu a fortaleza da nosa amizade, foron 70 anos, moito tempo e moi intenso”.
Bieito asegurou estar convencido de que o seu amigo “marchou hoxe a durmir fóra da casa que compartimos durante 70 anos”. Sorrí ao lembrar que de tanto que estaban xuntos, “moitos nos trabucaban o nome, nunca me pareceu mal”. Santalices confirmouno: “non hai Bieito sen Pulido, nin Pulido sen Bieto”. O presidente do Parlamento tildou ao artista de “home valente, que merece un recoñecemento da sociedade”. O rexedor referiuse a el como “un home excepcional, un grande artista que da creación fixo unha revolución”. Caballero destacou a Praza das Apertas como un dos legados que deixou aos vigueses e anunciou que unha rúa da cidade levará o seu nome.
Pulido deixou dito que se lese o responso, “Mementum”, que el cantaba como tenor na Escola Cantorum, xa que a música era outra das súas paixóns. O encargado foi o crego Antonio Fernández León, compañeiro de Seminario.
A actriz Uxía Blanco puxo voz a un escrito do seu amigo Avelino Muleiro, que escusou a súa ausencia. María Xosé Porteiro falou en nome dos seus amigos. Lembrou as súas cualidades humanas e a súa capacidade de amar; asemade, fixo fincapé no seu legado artístico. Armando González tamén tomou a palabra e recitou un emotivo poema na súa memoria. Digna, a súa cuñada, tamén lle dedicou uns versos. Non faltou a música. Chegou cos integrantes do Caramuxo, aos que lle unía unha grande amizade. Fixeron música no seu honor.
Finalmente, tivo lugar a incineración na intimidade familiar.
A piques de cumprir os 82 anos, morreu Antón Pulido, provocando unha perda profunda no mundo da cultura galega, tal e como quedou reflectido no seu funeral. Con el marcha un mestre da cor, cuxa obra e compromiso engrandeceron a nosa provincia. Ourense despide con orgullo ao seu fillo; o legado da súa luz queda para sempre.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
AULAS, RECREO O COMEDORES
Así es el nuevo manual para atender al alumnado con autismo en los colegios de Galicia
CENTROS COMERCIALES ABERTOS
La Xunta apoya este año con casi 2,4 millones de euros los 56 CCA gallegos
Lo último
Tensión en el Pacífico
Corea del Norte ensaya un misil balístico hacia el mar de Japón
SIN PERSONAS BAJO LOS ESCOMBROS
Vídeo | El derrumbe de un bar en La Rioja deja 12 heridos y obliga a rescatar a decenas de personas