Antón Pulido, In Memoriam

Publicado: 12 sep 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Compartimos mesa, mantel, risas, anécdotas e cantigas en moitas ocasión en lugares como a Fundación Otero Pedrayo, a Insua dos Poetas, a casa de Bieito Ledo en Padroso, xuntanzas dos Premios da Crítica, etc. Pero a verdade, coñecer, coñecino nun despacho. Non levaba el gravata. Foi a cousa hai ben máis de trinta anos. Tiñan que ir a Buenos Aires en viaxe rapidísimo -3 días entre a ida e a volta- dúas persoas da Consellería de Cultura na que el era director xeral. Eran os tales José Luís Cabo, director daquela do CGAI, e Daniel Buján, logo director da Biblioteca de Galicia. E como desde os anos oitenta tiña ido con frecuencia e como fixera informes amplos e detallados sobre quen era quen na colectividade e como funcionaba, pois propúxome que os acompañase, en plan cicerone. A cousa era simple, eu localizaba e presentáballe á xente coa que tiñan que falar e movíame con eles dun lado para outro. En tres días non podían perder tempo ubicándose. Buján ía a cousa máis política relacionada co Colexio Santiago Apóstol e Cabo, a procurar materiais fílmicos en espazos que eu ben coñecía como a Federación de Sociedades Galegas, na rúa Chacabuco. Era unha traballeira grande e acelerada, non pagaban nada, pero ía a gastos pagos, coa billa do forrollo en mans dun funcionario exemplar que quería aforrar -e vaia se aforrou- o posible para a Administración, como Daniel. Eu díxenlle que falasen con Educación -era a mesma Consellería- e que se eles me deixaban eses tres días, pois alá ía. Tamén por ver aos amigos. Os consellos vitais que nos deu para a viaxe lóstrego quedarán naquela sala de reunións. O pobre do Cabo morreu hai anos, e Daniel e eu calaremos, como está mandado. Só dicirlles que foron moi divertidos e moi humanos. Tal como el era.

E si. Era Antón un home entrañable, grande e vital. Gustáballe a felicidade. Gustáballe ver a xente feliz ao seu redor.

E si. Era Antón un home entrañable, grande e vital. Gustáballe a felicidade. Gustáballe ver a xente feliz ao seu redor. Unha das súas máis importantes exposicións, “Kermesse”, usa esa palabra flamenca -de Flandes- para a festa popular. Si. Gozaba comendo, bebendo, rindo e cantando, contando anécdotas. Un contertulio marabilloso afiliado aos praceres da vida. E a compartir alegría cos amigos. E, tamén, compromisos. Incluso, ocasionalmente, políticos. Nunca se botou para atrás. A verdade é que lle teño bastante lei aos intelectuais que baixan da torre de marfil e se enzoufan na area política, pois normalmente o fan coa idea de contribuír. E normalmente moito máis lles custa do que gañan, alén da satisfacción persoal do deber cumprido do país. Tiñan o seu nome prestixiado, os seus foros de confort funcionando e poñen todo en risco por arribar o ombreiro polo país. Por iso o grande Filgueira Valverde aceptou a Consellería de Cultura na Xunta preautonómica. Por iso Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Alfredo Conde, aceptaron participar nos inicios do Parlamento Galego. Por iso Antón Pulido aceptou a Dirección Xeral. E si. Tanto me ten o partido polo que concorran ou co que colaboren. E moito lles custou. Queda deles Alfredo Conde para contalo.

Sempre Antón Pulido se gababa da súa orixe en Bóveda de Amoeiro, onde seu pai exercera o maxisterio, profesión na que el tamén profesaría anos despois en terras catalás. Cando o Concello de Amoeiro o declarou fillo predilecto, en 2008, fixo o seu amigo da alma, Bieito Ledo unha das laudatios máis emotivas que levo oído. El estaba alí feliz. Si. Baixo o retrato que el lle fixera ao patriarca que tan gasalleiras palabras lle dedicara no folleto da súa primeira exposición no Museo Arqueolóxico, creo que en 1971. Vida plena, gozou de moita amizade, recoñecementos e premios. E disto hase falar moito estes días. Pero en fin, Antón, xa nos veremos. Sen présa. Un abrazo grande a Fina. E aos fillos. E á extensa familia dos amigos. Xa te botamos de menos.

Contenido patrocinado

stats