O Camiño de Santiago: o xermolo do sentir europeo
Durante séculos, milleiros de homes e mulleres emprenderon unha peculiar viaxe cara a Santiago movidos pola fe e a esperazan de obter indulxencia plena
Este andar contribuíu asemade á forxa dunha idea do común do que é Europa, formando un vieiro de transmisión de ideas e culturas que se unían nun só punto: Santiago de Compostela. O Camiño (Peregrinatio Compostellana) está conformado por un conxunto de vías creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II.
O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente, aínda que existen máis percorridos, como a Vía da Prata e o Camiño Portugués. O fenómeno xacobeo foi decisivo na conformación cultural-económica do reino de Galiza, debedor en gran medida ao auxe conseguido durante a titularidade de Diego Xelmírez (1100-1136) convertendo Compostela en sé metropolitana (ano 1122), a máis importante dignidade de todo Occidente despois de Roma.
Arredor do sepulcro apostólico medrou non só unha catedral —centro artístico-relixioso de primeira magnitude— senón unha vila e posteriormente unha cidade, perfectamente establecida na Baixa Idade Media, cunha actividade comercial derivada da súa condición de cidade santa, onde se coroarían reis galegos, onde medraría a grande escola galego-portuguesa, e onde reside desde a Idade Media a capital de Galiza.
Os estudos histórico-arqueolóxicos levados a cabo no século XX na propia catedral revelaron, non obstante, que desde época galaicoromana e sueva, Compostela fora un lugar relevante onde xa se soterraban importantes dignidades civís ou relixiosas moito antes do ano 813, o que motivou a diversos especialistas a defender que o corpo atribuído ao apóstolo Santiago fora en realidade o de Prisciliano, patriarca da igrexa galega, decapitado en Tréveris no ano 385.
O Camiño e o fenómeno das peregrinacións que orixina segue a ser obxecto de estudo. Nestes días, os profesores Domingo González Lopo e Miguel Taín Guzmán reuniron hai uns anos a nove especialistas de España, Italia e Portugal, nunhas xornadas orientadas a celebrar o Ano Santo da Misericordia nas que se analizará o labor asistencial e hospitalario aos peregrinos a Santiago durante a Idade Moderna. Os debates centraron o curso de verán das Leccións Xacobeas Internacionais da Universidade de Santiago. Os expertos analizaron os resultados das últimas investigacións sobre a peregrinación a Santiago, as rutas a Compostela e o patrimonio xacobeo.
Os itinerarios
Hai un dito que di que hai un camiño por cada peregrino. Existen numerosas rutas que, dende vello, foron percorridas por milleiros de viaxeiros para chegar até o sepulcro do apóstolo. Deses vieiros, hai recoñecidos dez camiños:
Camiño Francés
É o itinerario xacobeo con maior tradición histórica e o máis recoñecido oficialmente. Figura xa descrito no Códice Calixtino, do ano 1135. Hai catro vías para a peregrinación a Santiago desde ese país: a Vía Tolosana, que entra en España por Saint Jean Pied de Somport, e as vías Lemovicensis, Podianense e Turonense, que pasaban os Pireneos por Roncesvalles para seguir polo Camiño Francés. Este último transcorre pola meseta entrando na península por Roncesvalles e en Galiza polo Cebreiro. Desprazou en importancia aos anteriores.
Camiño Primitivo
Foi o primeiro e o que, ao parecer, seguiu o rei Afonso II de Oviedo na súa peregrinación a Santiago.
O Camiño Inglés
Era o que seguían os peregrinos que partían en naves dende as illas de Gran Bretaña e Irlanda para comezar a peregrinación dende Ferrol e A Coruña.
Vía da Prata
Tamén chamada Ruta da Prata. Empregábana os peregrinos que viñan do sur da península Ibérica e que continuaban en Galiza polo camiño do sueste que ía dende A Gudiña.
Camiño Portugués
Recolle os peregrinos de Portugal que entran por Tui e vai polo interior até Redondela, onde se xunta co Camiño da Costa.
Camiño da Costa
Seguido polos peregrinos de Portugal que chegan a Galicia por A Guarda. Prosegue até Redondela bordeando a costa.
Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla
Conmemora a Translatio do Apóstolo a través da ría de Arousa.
Camiño do Norte
Segue ruta da costa astur-galaica. A súa orixe remóntase aos momentos inmediatamente posteriores ao descubrimento da tumba do apóstolo.
Camiño de Inverno
É a entrada natural a Galicia dende a meseta, un acceso xa usado polos romanos.
Camiño de Fisterra e Muxía
Esta ruta xacobea ten a súa orixe na ciudade de Santiago e a súa meta é o cabo Fisterra e o Santuario da Virxe da Barca.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
OPOSICIONES 2026 EN GALICIA
Galicia oferta 1.601 plazas de oposiciones en Educación para 2026
ACCIDENTE LABORAL MORTAL
Muere un hombre por una posible intoxicación de monóxido de carbono al revisar un generador
Lo último
PROTECCIÓN A LOS MENORES
Prohibir las redes sociales a menores de 16 en España: lo que falta por saber
SIN SERVICIO EN VIGO
Ourense y Vigo, sin conexión por tren debido a la borrasca Leonardo
RELACIONES INTERNACIONALES
Cantabria explora nuevas oportunidades comerciales con El Salvador