O Parlamento entrega a súa Medalla ás deputadas que en 1995 participaron na Conferencia Mundial de Beijing

6 DE ABRIL

A Cámara autonómica entregará a súa Medalla o 6 de abril no Pazo do Hórreo ás nove deputadas autonómicas da IV Lexislatura, coincidindo co aniversario do Estatuto, destacando o seu papel na loita contra a discriminación das mulleres.

O Parlamento de Galicia na conmemoración do 30 aniversario da Conferencia Mundial sobre as Mujeres en Beijing.
O Parlamento de Galicia na conmemoración do 30 aniversario da Conferencia Mundial sobre as Mujeres en Beijing. | La Región

O Parlamento de Galicia entregará a súa medalla ás nove deputadas autonómicas da IV Lexislatura que participaron na IV Conferencia Mundial da Muller celebrada en Beijing en 1995, así como á exconselleira e deputada Manuela López Besteiro.

O acto, que terá lugar o luns 6 de abril no Pazo do Hórreo, coincidindo co 45 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, supón o recoñecemento institucional e público da súa labor pioneira e compromiso coas políticas de igualdade.

As deputadas María Xosé Ares Casal, María Teresa Fernández Piñeiro, Pilar Pedrosa González de Castejón, María Fernanda Cerviño Villaverde, Elisa Madarro González, do Grupo Popular; María Xosé Porteiro García, María Antonia Álvarez Yáñez, do Grupo Socialista; e María Pilar García Negro e Olaia Fernández Dávila, do Grupo do Bloque Nacionalista Galego, viaxaron ata Beijing para participar na devandita Conferencia, a maioría delas pertencentes á primeira Comisión Parlamentaria para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres. Elisa Madarro e Pilar Pedrosa recibirán a título póstumo a distinción outorgada pola Mesa do Parlamento.

En 1995 as devanditas deputadas viaxaron a Beijing para defender na IV Conferencia Internacional da Muller a declaración conxunta aprobada por unanimidade na Comisión para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres que avogaba pola supresión de toda discriminación laboral, profesional ou política contra as mulleres.

Pioneiras

Con posterioridade, o 25 de outubro de 1995, o Parlamento galego ratificou por unanimidade o acordo da Comisión para a Igualdade relativo á Declaración Parlamentaria de Beijing, coa vontade de que se traducira en medidas para solucionar os problemas de discriminación e exclusión social das mulleres. Deste xeito, Galicia converteuse na primeira comunidade en aprobar a axenda de Beijing.

A Comisión para a Igualdade, creada en 1994, converteu ao Parlamento de Galicia en pioneiro en dotarse dun foro parlamentario polo que pasaron moitas asociacións de amplos sectores da sociedade, permitindo analizar as necesidades das mulleres galegas sen filtros ideolóxicos.

A Medalla do Parlamento 2026 tamén recoñece o traballo da exconselleira e deputada Manuela López Besteiro, do Grupo Popular, que impulsou, xa na III Lexislatura, a creación na Xunta de Galicia dunha Dirección Xeral para a igualdade de homes e mulleres. Este departamento levou a cabo programas de acción positiva como o fomento do emprendemento feminino, o asociacionismo —especialmente no rural— e accións de loita contra a violencia de xénero.

Contenido patrocinado

stats