Colectiva do XXX aniversario da Visol

ARTE ET ALIA

A sociedade ourensá e a galería de arte Visol celebran o seu 30 aniversario

Publicado: 25 may 2026 - 03:20
Artistas con Acisclo na inauguración.
Artistas con Acisclo na inauguración. | La Región

Quere chamar a atención da sociedade ourensá a galería de arte Visol con ela personalizándoo en Vidal Souto (+25.III.2021), artista irmán de Maricarmen Vidal, propietaria e galerista, polo que se fai coincidir co VIº aniversario do seu pasamento nesta primavera. Fai nada, entre novembro de 2025 e xaneiro deste ano, dedicóuselle exposición monográfica na sala baixa no altofalante do centro cultural da deputación. Foi a música do silencio... Fai cinco anos, con pandemia e máscaras sanitarias, na conmemoración do cuarto de século, adicóuselle tamén ao fillo pintor e aos pais fundadores, Manuel e Aurelia. Dende entón, ademais do mencionado, foron quedando polo camiño Tachibana (+2016) e Alexandro (+2024), abruptamente, artistas residentes en Muxía con pegada aquí.

"Mais este artista áchase de maneira implícita pois cambiou a parede N., que aínda se mantén, ao pintala persoalmente en vermello cadmio"

Xurxo Oro Claro coa expo da “Memoria erótica de Carlos Velo” en relación co OUFF, festival de cine, en 2021; “In vino veritas”, 2015, de Manolo Vidal con Andrés Santeiro; ou Soledad Penalta, a gran dama da escultura galega, con Isabel Pintado en 2018 con “Geo-grafías”, dende as palabras, quedaron na miña memoria. Así como, dun xeito singular, “Pecados Provinciales”, 2017, de Fernando Barreira, de gran éxito. Ningún deles está aquí, mais este artista áchase de maneira implícita pois cambiou a parede N., que aínda se mantén, ao pintala persoalmente en vermello cadmio. Dálle así un aura que non tiña, de seu, dende que o arquitecto Fernando Blanco Guerra (n.1947) reformase o baixo, desenvolvéndoo en catro niveis cunha fachada de cristal e combinando sabiamente granito, mármore, ladrillo e estuco co piso de madeira.

"O culto artista inspirase na misteriosa obra do mesmo título de Giorgio da Castelfranco, Il Giorgione, pintor veneciano do Renacemento que morre de peste en 1510, apenas 32 anos"

Tamén escultor e pintor, del hai na mostra unha obra expresionista abstracta. Manolo Figueiras (n.1961) foi un dos primeiros en expoñer nela, polo que trouxo Tempestade, 1996, datada no ano auroral, óleo sobre madeira que ben puidera presidir o elenco. O culto artista inspirase na misteriosa obra do mesmo título de Giorgio da Castelfranco, Il Giorgione, pintor veneciano do Renacemento que morre de peste en 1510, apenas 32 anos, dous despois de pintala.

Figueiras, Tempestad, 1996.
Figueiras, Tempestad, 1996. | La Región

Baldomero Moreiras (n.1955), tamén dos inicios, trae Lavandeiras de Portugal, 2007, acrílico sobre lona negra, que reflicte a súa linguaxe. Máis é José Antonio Ocaña Martínez (n.1949), quen define o fin de siècle en Ourense con La chica del 69, ól. sobre liño, pintada o ano que se asentou en Madrid logo de deixar Ourense. Daquela xa morrera Vicente Risco, e no seu ronsel camiñaban os artistas de O’Volter que se movían arredor da petrucial figura de Otero Pedrayo con outros. Mais cando a galería abre a Atenas de Galicia xa esmorecía.

Ocaña Martínez, 1968, Madrid, tras deixar Ourense.
Ocaña Martínez, 1968, Madrid, tras deixar Ourense. | La Región

Son moitos os artistas que teñen exposto aquí, destacando Juan Valcárcel quen, á vez, pintaba diante da cristaleira; Sula Repani, raíces helénicas dende Tamallancos, que nos enriquece, e tamén Ana Hernández san Pedro, de Cáceres. Pedrosa, Guzpeña, Hanoos e Santaella non faltan. Arroupan Carmona e Vilamoure, da galería Dodo Dadá, unha nova maneira de entender unha sala de arte, e o moi activo Luís de las Cuevas. Con eles Ehlaba Carballo de Dios, Ruth Lodeiro, Luís Estévez, Moxom, Cuíñas, Carbajales, Leandro, Poldras e Tareixa Taboada,... seica máis de corenta artistas, que o número exacto foi impreciso obtelo. Lanchas, Gil Xaneiro, Le Courtais e Zeta, novidades para un camiño próximo.

Contenido patrocinado

stats