Rueda di que o nacionalismo non quere industria ningunha
política
Nun tenso debate no Parlamento, o presidente sinala que, sen Altri, “quen perdeu foi Galicia”.
“Cal é a súa Arcadia feliz? Cal é o seu proxecto de futuro para Galicia?”, preguntou Alfonso Rueda á líder da oposición, Ana Pontón, no debate no Parlamentario sobre as consecuencias da paralización do proxecto de Altri en Palas de Rei.
“Estivo moi divertida esta semana”, dixo Rueda despois de escoitar as críticas do BNG e do PSdeG, en referencia á “competición por ver quen se poñía a medalla de conseguir que non veñan industrias a Galicia”.
“Creo que ao final non gañou ningún dos dous. Houbo un empate bastante evidente. Pero hai un claro perdedor. Galicia e o seu futuro. Porque, cal é a súa alternativa? Que lle vai dicir a todos eses mozos enxeñeiros, biólogos, tecnólogos... que se forman en Galicia e que queren traballar en Galicia?”, incidiu o presidente durante a quenda de interpelacións dos grupos.
Rueda resumiu o proxecto do BNG como o do “nacionalismo industrial de que non haxa nada” en Galicia.
Ana Pontón viña de afirmar que Galicia dixo “con claridade” que “Altri non”, e celebrou “a derrota política” de Rueda. E a continuación instou ao presidente a pechar “o seu fracaso político con algo de dignidade” entregando na Cámara “o acordo secreto” que, según a oposición, a Xunta pactou con Altri.
Pontón dixo que o BNG estivo “ao lado do pobo” e declarou sentir “un tremendo orgullo desta gran vitoria política. Dunha cidadanía galega que logrou parar esa bomba ambiental”.
Despois aconsellou a Rueda: “Se en vez de facer de comercial de Altri fixese de comercial da xente do mar e do rural, non se tería chegado ata aquí. Pero converteu unha macrocelulosa no seu proxecto estrela e hoxe vén aquí todo enfadado”.
Logo de cuestionarlle que é o que ten que esconderlle aos galegos e ás galegas nese acordo secreto con Altri, Pontón advertiu ao presidente da Xunta que o Bloque vai lograr que a sociedade galega coñeza o contido dese pacto, “asinado con Altri en outubro de 2021” e que Rueda mantén “oculto baixo sete chaves”.
“Teña por seguro que imos poñer luz onde vostede quere poñer escuridade e igual que a cidadanía logrou parar esa bomba ambiental, imos coñecer que oculta nese acordo secreto”, advertiulle.
Rueda cualificou de “soberbia” a Pontón por se atribuír a representación do “pobo” e lembroulle que as eleccións son “cando hai que escoitar ao pobo que é o que máis ordena”. Despois asegurou que “antes”, os concellos do BNG “pelexaban porque Altri estivese emprazado nos seus concellos”. E engadiu que se Pontón tivese un “goberno de verdade e non na sombra” (en referencia ao gabinete de expertos presentado o ano pasado polo Bloque), o de Altri tería sido “o seu proxecto estrela”.
Rueda tamén se detivo a subliñar as esixencias da líder nacionalista durante o proceso de Altri: “Díxonos que fósemos rigorosos, esixentes e que buscásemos un futuro para que a xente teña emprego en Galicia. E dígolle unha cousa, fronte ás súas presións, demagoxia, irresponsabilidade e cambio de criterio destacado, dígolle que este Goberno será firme porque é o mandato que ten”.
Pontón pechou lamentando termos un presidente “que non é capaz de ver o potencial” de Galicia. “De cada dúas palabras súas sobre Altri, tres son mentira”, opinou. E criticou que Rueda considere “un atraso” o sector primario. “Atraso son as 19.000 familias que viven do mar? As 4.000 familias que viven na Ulloa, que é unha das máis produtivas deste país? Atraso son as pemes que están facendo traballo desde as queixerías ata a produción de produtos de cosmética e ecolóxicos?”.
Minutos antes, o xefe de filas do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apuntou a Rueda para remarcar que, igual que vai á Audiencia Nacional a esixir que o Goberno lle revele detalles do proceso europeo pola prórroga da AP-9, o “coherente” sería que “desclasificase” o acordo inicial subscrito con Altri. O secretario xeral do PSdeG reclamou a desclasificación inmediata dese acordo e esixiu transparencia sobre os compromisos adquiridos pola Xunta. “Non pode esixir luz para os demais e manter na sombra os seus propios acordos”, advertiu.
José Ramón Gómez Besteiro volveu insistir nesta idea posteriormente, desde o seu escano, mentres Rueda lle replicaba que lle pon “moi difícil” tomalo “en serio”. Rueda replicoulle que a Xunta de Galicia se viu obrigada a iniciar o arquivo do expediente debido ao bloqueo por parte do Goberno central da conexión eléctrica para o proxecto, unha decisión que afecta, insistiu, a toda a provincia de Lugo, e que lamentou.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ACCIDENTE MORTAL
Un muerto en una colisión frontal entre dos coches en Taboada
MÁS INCIDENCIAS DE LAS HABITUALES
Diego Calvo denuncia un “trato diferente” del Estado para la red ferroviaria gallega
Lo último
Itxu Díaz
EL ÁLAMO
Alamares en el cielo
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este jueves, 26 de febrero