A Xunta agarda o desbloqueo de máis de 90 parques eólicos

Lorenzana tacha a situación da rede de transporte eléctrico de “emerxencia nacional”

A conslleira falou nun foro do clúster de renovables.
A conslleira falou nun foro do clúster de renovables. | Europa Press

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, denunciou onte o “deficiente” estado no que se atopa a rede de transporte de enerxía eléctrica en España, que cualificou de “emerxencia nacional”. “A día de hoxe é o principal problema para o desenvolvemento industrial e enerxético da comunidade”, manifestou.

Lorenzana inaugurou hoxe a XIII Xornada eólica Wind Galicia 2026, no marco dos Energy Days, onde reclamou que “de xeito inmediato” se modifiquen os criterios establecidos, se proceda a cambiar e flexibilizar os procedementos e, sobre todo, engadiu, “se empreguen parte dos orzamentos previstos nos Presupostos Xerais do Estado para investir na rede de transporte”.

“Por moito que potenciemos os partes eólicos actuais e despreguemos máis capacidade eólica, se non temos redes por onde evacuar esa enerxía dá igual a cantidade de parques que existan en España, porque esa enerxía non vai chegar aos consumidores; nin a fogares nin á industria”, remarcou.

Neste contexto, Lorenzana anunciou que, de cara a finais de ano e principios de 2027, o documento de inicio do novo plan sectorial eólico estará preparado para sometelo a información pública e, posteriormente, á tramitación ambiental estratéxica necesaria. “Comprometémonos a aprobar ese plan e a traballar segundo un calendario e podemos dicir que estamos cumprindo”, subliñou, para apuntar que neste momento está xa por rematar a fase de revisión do borrador por parte dos diferentes órganos da Administración autonómica.

“É unha oportunidade grande se pensamos que nos próximos anos deberían desbloquearse eses parques xudicializados e, a maiores, abrirse un abano de posibilidades de desenvolvemento eólico na comunidade”, indicou a conselleira.

Ao respecto, a conselleira celebrou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aplique a doutrina do Tribunal Supremo e rexeite o recurso presentado contra as autorizacións previas e de construción do parque eólico Bustelo. “É un motivo de esperanza para o desenvolvemento eólico en Galicia -dixo-, aínda que quedan moitos procedementos, por fin se confirma que o TSXG segue o criterio do Tribunal Supremo”.

A xudicialización de case un cento de proxectos eólicos que permanecen paralizados a día de hoxe, incidiu, “réstanos capacidade para poder ofrecer enerxía máis barata ás empresas que buscan instalarse aquí. Está lastrando a competitividade das industrias e das empresas galegas. E tamén aos fogares, que sofren esa escalada de prezos na súa factura eléctrica”.

“A transición enerxética require investimentos millonarios con horizontes de varias décadas. Para que eses investimentos cheguen é imprescindible ofrecer un marco normativo estable, previsible e coherente”, insistiu. Segundo precisou, actualmente 93 parques están afectados por recursos xudiciais (2.507 MW).

Contenido patrocinado

stats