A Xunta atribúese o mérito de ter posto freo a caída do galego
IDIOMA
Ana Pontón, diputada do BNG, acusa ó Executivo do PP de "promover a desaparición" da língua
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegurou que a enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) que alerta dun descenso do uso do galego analiza "os últimos dez anos", nos que a caída do número de galego falantes na franxa de idade de entre cinco e 15 anos pasou de ser "de doce puntos" no primeiro quinquenio a situarse en "dous puntos" nos últimos anos, feito "positivo" que atribuíu ao labor do Goberno do PPdeG. "Está claro que os datos desta enquisa preocúpannos a todos, pero a noticia tamén pode ser que se frea a caída de falantes en galego" defendeu Valentín García este venres durante a súa comparecencia na Comisión de Educación do Parlamento galego, ao ser cuestionado pola deputada do BNG Ana Pontón sobre a situación do idioma galego e o cumprimento do Plan de Normalización Lingüística.
"Unha case sente ganas de chorar escoitando as súas declaracións e vendo o seu exercicio político", lamentou Ana Pontón, quen censurou que o secretario xeral acuda á Cámara a "dicir que a situación está mellor e a culpar ao bipartito", cando no estudio se advirte de que "hai unha perda alarmante de galego falantes".
Deste modo, a parlamentaria nacionalista argumentou que os datos reais "son outros" e puxo como exemplo que, "no ano 2008, o 14,3% dos estudantes afirmaban recibir todas as clases en galego", mentres que en 2013 este feito "caeu ao 2,15%". Ao respecto, tamén rexeitou que o retroceso no uso do idioma galego "sexa un problema das familias", ao asegurar que "se segue discriminando dende o punto de vista legal e social" ás persoas que o empregan, coa agravante de que a Xunta "promove a súa desaparición" en todos os ámbitos".
Esta cuestión foi negada polo responsable de Política Lingüística, que destacou que "o sistema educativo" cumpre o seu labor de normalizar e potenciar o uso do galego en todos os ámbitos como, ao seu xuízo, se observa no feito de que a porcentaxe de persoas que aseguran falar pouco ou nada "baixa entre os alumnos que máis anos de escolarización teñen".
O debate sobre o uso do galego protagonizou varias das restantes preguntas formuladas na comisión. Así, antes de cuestionar ao Goberno galego sobre as medidas que leva a cabo para impedir o "desmantelamento" do sector da dobraxe, o deputado socialista Francisco Caamaño censurou a estratexia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "reducir o galego ata que quede en cousa duns poucos". "O suposto aumento dos que só falan en galego, en realidade, esconde un fracaso do goberno na defensa da cultura e da lingua galega, xa que o número total de persoas que falan en galego, aínda que tamén falen en castelán, diminúe", advertiu.
dobraxe na tvg
Tras iso, criticou que, mentres o presuposto da TVG "descendeu nun 19 por cento nos últimos tres anos, as partidas destinadas ao sector da dobraxe caeron nun 23%". "O caso deste sector resulta máis dramático porque, ademais, hai unha caída na execución dos presupostos", denunciou.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística vinculou estes datos á "situación do mercado existente" á que, na súa opinión, "tense que axustar" o sector despois de que nos últimos anos "se experimentase un cambio de tendencia". Así, asegurou que cada ano "aumenta o interese do público" cara á "produción propia" como detallan os datos sobre a audiencia da Televisión de Galicia que, tal e como indicou, é unha das "televisións autonómicas máis vistas" e desempeña "un papel fundamental na promoción do galego, que mete en todos os fogares".
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Mariluz Villar
MUJERES
No solo la tierra
Ricardo F. Colmenero
Os xemelguiños
MAPA ESPECÍFICO
Las interacciones con orcas subieron en Galicia en 2025
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este Domingo de Resurrección, 5 de abril