PREMIO FORQUÉ
José Manuel Lorenzo, más osado que valiente
ENTREVISTA
Foi neno rural en Padroso, cura obreiro en Bande que trocou as rogativas para que chovera pola construción de sistemas de regadío, profesor de filosofía en Madrid... Pero, sobre todo, Bieito Ledo Cabido (Xunqueira de Ambía, 1944) foi fundador de iniciativas que contribuíron a fortalecer a cultura galega, como os Premios da Crítica, a editorial Ir Indo, a Asociación Galega de Editores e a Enciclopedia Galega Universal, un dos monumentos senlleiros da cultura galega da que foi un dos seus máis notables construtores.
Adoita dicir vostede que a súa infancia en Padroso foi determinante na súa vida.
Eramos unha familia formada pola miña nai, o meu pai e dúas irmás súas, o meu irmán e eu. Unha familia de seis membros, moi cordial. A miña nai, cando xa era velliña díxome un día que ela e o meu pai nunca se deitaran enfadados. Penso que ese afecto que herdei influíu moito en mín. Eu sempre digo que para min houbo tres universidades. A primeira, foi Padroso, a máis profunda, porque alí aprendín a falar, a escoitar, aprendín a través dos sentidos. Hai unha frase en latín que o define moi ben: nihil est in intellectu quod prius non fuerit in sensibus, non hai nada no entendemento que antes non pase por algún dos sentidos.
Por que se fixo cura?
Unha das miñas tías foi a que me inculcou rezar. E como era dos máis listos da escola, metéuselle na cabeza que eu tiña que ser cura. E en 1956, na primeira vez que eu fun a Ourense, fun a facer o exame de ingreso no seminario. Presentámonos máis de cincocentos de toda a provincia e aprobamos cento vinte. Aí foi cando coñecín a Antón Pulido e fixémonos amigos dende aquela. Foi un tempo no que aprendín a desenvolver a miña vida interior. Agora lévome moi ben comigo mesmo. Falo comigo con frecuencia e trátome de vostede, para non perder esa palabra. Educounos nese territorio do íntimo no que está a felicidade. Porque os cachiños que hai están dentro de un. Por iso, o seminario foi para min a segunda universidade.
Onde foi súa primeira parroquia?
Santa Comba de Bande. Morrera o cura e o bispo mandoume alí porque ía facer a visita pastoral que facía cada catro anos ás parroquias. Ningún home ía a misa alí. Cheguei con 25 anos, era moi rebelde. Alí dende o altar dixera que había que comer o pan co suor da fronte non co suor dos de en fronte. Logo fun destinado a Arzádegos, en Vilardevós.
Seica en ámbalas dúas parroquias púxose o mono de obreiro.
Porque, cando cheguei a Bande había unha enorme seca e pedíronme que fixera rogativas para que chovera e eu dixen que de rogativas nada. Que Deus nos dera intelixencia para facer sistemas de regadío e mesmo para levar a auga ás casas e a xente entendeuno perfectamente e fixemos varios.
Elixiu Vigo para establecerse cunha libraría. Por que?
Cando decidín volver a Galicia e montar unha libraría pensei en dúas cidades. Santiago, porque tiña universidade, e Vigo. Ao final pesou máis a ría e o mar que a universidade e a catedral e elixín Vigo. Xa sabes que os ourensanos sempre tiramos para Vigo. E alí cheguei en 1975 e abrín unha pequena libraría que se chamaba Ir Indo, no segundo piso das galerías de Príncipe.
Que lembranzas ten da súa etapa en Galaxia?
Entrei en Galaxia como director xerente en 1979. Creo que foi unha etapa moi frutífera para a editorial porque, entre outros proxectos saíu adiante a Biblioteca Básica da Cultura Galega, que logrei a financiación das catro deputacións e con cincuenta títulos que a conforman era o corpus bibliográfico máis importante que había na cultura galega. Pero tamén foi unha etapa moi importante para min. Don Ramón Piñeiro foi a persoa que máis influíu na miña vida. E alí estaban tamén, Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, García Sabell... xente magnífica. Esa foi a miña terceira universidade. A cuarta, se contamos a Complutense que foi a que me deu o título.
Entre os seus logros máis senlleiros está a creación dos Premios da Crítica, en 1978
Creo que foi un exemplo de mobilización cultural da sociedade civil. Pensa que naquel momento aínda non había nin Constitución, nin Estatuto de Autonomía nin concellos democráticos. A primeira edición fíxose o 16 de maio, que ao día seguinte era de traballo. Convocamos no hotel Samil e acudiron cerca de catrocentas persoas e alí se entregaron os primeiros premios da Crítica de Galicia, que tiñan o valor do recoñecemento que se lle daba, porque era un premio sen retribución. Aparte da estatuiña de Martín Códax deseñada por Isaac Díaz Pardo que se segue entregando corenta e seis anos despois e que é un símbolo do premio que outorga a sociedade civil.
Fundación Galicia Empresa, Asociación Galega de Editores, que eu lembre así de memoria. Parece que non parou de crear novos proxectos.
Sempre tiven un gran sentido do colectivo e interesáronme proxectos encamiñados a diferentes áreas pero todas elas cun forte vínculo coa cultura galega.
E tamén fundou unha editorial, Ir Indo. Que destacaría desa etapa?
En primeiro lugar, un novo concepto do libro fotográfico. Antes de Ir Indo, víamos libros fotográficos de Galicia feitos por editoriais foráneas que mandaban aquí a un fotógrafo quince días e sacaban as típicas e tópicas fotos de Galicia: unha posta de sol, unha señora cunha vaca e un cruceiro, un cesto de marisco... a min eso molestábame moito. Entón empecei a sacar os libros das cidades, o libro de Galicia con texto de Camilo José Cela, o libro do viño, os libros das vilas. Penso que foi algo innovador. O primeiro foi Vigo, Fronteira do Alén, con texto de Ferrín e fotos de Xulio Gil, quen estivo un ano facendo fotos de Vigo. Son libros cunha reflexión fotográfica e literaria.
E a enciclopedia?
A Enciclopedia Galega Universal é a miña obra magna. Empezamos con ela en 1995. Un traballo que durou dez anos con trinta e pico redactores en plantilla e unha inversión de seis millóns de euros. Cal foi o problema? Que en vez de ser un éxito, chegou internet e tivemos problemas para acabala. Pensa que foi a derradeira experiencia no mundo dunha cultura que non tiña enciclopedia e empezou a tela. A partires dese momento xa non foi posible.
Libreiro, editor… e agora autor
Son, sobre todo, editor. Pero agora estou a escribir un libro coas anécdotas que vivo no tempo que paso en Padroso. Por diante da miña casa pasa o Camiño Mozárabe e iso da para moitas cousas. Tamén estou ocupado en facerlle unha homenaxe a un carballo centenario que teño alí, nunha finca que herdei, co que xa editamos dous libros, e na Fundación Bieito Ledo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PREMIO FORQUÉ
José Manuel Lorenzo, más osado que valiente
GRUPOS MUSICALES
La playlist de... Tesouro
BANDA OURENSÁ
O tesouro da amizade
GRUPOS MUSICALES
La playlist de... LISE L.
Lo último